Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rubiales irá a xuízo oral polo bico non consentido a Jenni Hermoso

Rubiales irá a xuízo oral polo bico non consentido a Jenni Hermoso

A Audiencia Nacional dálle un prazo de 24 horas para presentar dúas fianzas: 65.000 euros pola acusación de agresión sexual e outros 65.000 en conxunto cos outros acusados por coaccións

Arbert Luque, Jorge Vilda e Rubén Rivera tamén irán a xuízo por un delito de coaccións

Rubiales no Xulgado de Majadahonda o 29 de abril / Europa Press Rubiales no Xulgado de Majadahonda o 29 de abril / Europa Press
G24.gal 08/05/2024 19:19 Última actualización 08/05/2024 20:04

O maxistrado da Audiencia Nacional Francisco de Jorge enviou a xuízo o expresidente da Federación Española de Fútbol Luis Rubiales polos delitos de agresión sexual e coaccións polo bico non consentido que deu á xogadora Jennifer Hermoso tras a final do Mundial en Sydney o pasado agosto.

Tras case oito meses de investigación, o xuíz acordou a apertura de xuízo para Rubiales e os outros tres investigados por coaccionar a Jenni Hermoso para que xustificase a actuación do expresidente da RFEF: o exdirector deportivo da selección masculina Albert Luque, o exadestrador da feminina Jorge Vilda e o que foi responsable de Márketing da Federación, Rubén Rivera.

Os catro sentarán no banco dos acusados perante o xulgado central do penal da Audiencia Nacional nun xuízo cuxa data está aínda por determinar e no que Rubiales enfróntase a unha petición da Fiscalía de dous anos e medio de cárcere, un máis que o dos outros tres procesados.

Á espera de saber cando se celebrará o xuízo, polo momento Rubiales ten un prazo de 24 horas para prestar unha fianza de 65.000 euros para facer fronte ás eventuais responsabilidades civís ás que puidese ser condenado polo delito de agresión sexual, segundo determinou o xuíz no seu auto deste mércores.

Polo delito de coaccións deberá achegar outros 65.000 euros, pero esta vez de forma conxunta cos outros tres procesados. Ademais da Fiscalía, tamén figuran como acusacións a propia Jennifer Hermoso e a Asociación de Futbolistas Españois (AFE), que solicitan as mesmas condenas de cárcere que o ministerio público.

A internacional pide ademais que se impoña a Rubiales a prohibición de achegarse a ela a menos de 500 metros ou comunicarse con ela durante oito anos e unha indemnización de 50.000 euros en concepto de responsabilidade civil, e doutros 50.000 a pagar co resto de acusados.

A resolución do xuíz De Jorge pon rumbo a xuízo un episodio que desencadeou unha onda de protestas e que, á marxe do ámbito penal, acabou coa inhabilitación de Rubiales por parte da FIFA durante tres anos. Sucedeu o pasado 20 de agosto, no Estadio Australia de Sydney, tras a vitoria da selección feminina do Mundial.

O ministerio público describe no seu escrito de conclusións unha conduta de Rubiales "sorpresiva e sen consentimento nin aceptación" de Jenni Hermoso cando, durante a entrega de medallas do Mundial, suxeitouna "pola cabeza" con ambas as mans e propinoulle "un bico nos beizos".

E acúsao tamén de meter presión de maneira "constante" e reiterada á futbolista e á súa contorna para que "xustificase e aprobase" o bico que lle deu "contra a súa vontade" ante "as consecuencias persoais e profesionais" ás que este podería enfrontarse.

Unha "situación de fustrigación" da que tamén responsabiliza aos outros tres acusados, "persoas de confianza" de Rubiales que accederon aos seus cargos "baixo o seu mandato" e cuxa "privilexiada situación na RFEF" dependía da "sorte" que este correse.

Á marxe deste procedemento, Rubiales está investigado nun xulgado de Majadahonda (Madrid) polos delitos de corrupción nos negocios e administración desleal por presuntas irregularidades en contratos da Federación cando este estaba á fronte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade