Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preocupación polos roubos no rural de Redondela

Preocupación polos roubos no rural de Redondela

Dúas vivendas das parroquias de Ventosela e Reboreda foron asaltadas na mesma tarde

A policía busca dous homes que foron gravados pola cámara de seguridade dunha das vivendas

G24.gal 21/10/2025 13:57

O rural de Redondela está a sufrir roubos en casas cando os propietarios non están nelas. Non é algo novo para eles, pero a pasada fin de semana os amigos do alleo atacaron por partida dobre.

Por iso os veciños do Camiño do Casal en Reboreda andan inquedos. A nova de que roubaron un veciño vai pasando boca orella nesta tranquila parroquia de Redondela.

"Un pouco de medo temos no corpo porque isto é unha lotaría e non se sabe a quen lle pode tocar. De feito non sabemos en que casa foi, pero suponse que foi nesta rúa, entón andamos con ollo, non hai mais remedio", comenta unha delas con preocupación.

Os ladróns asaltaron dúas casas. Nunha había unha cámara de seguridade que gravou como dous homes entraban nela. Foi en dúas vivendas separadas apenas un quilómetro unha da outra. Non é o normal, pero os roubos dos últimos anos asustan os veciños:

"Home! Estou no medio da que din e máis da de aquí abaixo. Estou no medio e medio, xa me dá medo tamén que entren e que me dean un golpe, comenta unha muller, e o seu esposo engade que "xa lle dixen que mercara un can...", algo que para ela non é a solución: "Pero bótanlle un bisté...".

Outro veciño salienta que "aquí aínda hai xente maior e a preocupación é esa, que marches como por exemplo hoxe, que é día de feira, e volves e tes toda a casa revolta".

Reboreda é unha parroquia tranquila e coñécense todos, por iso a presenza dun estraño hai días levantou sospeitas entre os veciños:

"Hai quince días, un coche que pasou por aquí e non o coñeciamos, chamounos a atención porque o señor que ía dentro do coche quedou mirando, e aquí coñecémonos todos, non lle demos maior importancia, pero cando pasou isto onte, xa relacionamos o tema".

Outro salienta que "probablemente sexa xente que teña estudada a zona, porque aquí non hai xente conflitiva, podedes ver que é un barrio tranquilo, levámonos ben..., pero son casos puntuais".

Susto tamén o que levou outra veciña cando marchou a unha voda e ao volver descubriu que os ladróns entraran na súa casa e levaran as xoias e todo o que tiña de valor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade