Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rouban material no Club de Piragüismo da Illa e na Escola de Navegación Dorna

Rouban material no Club de Piragüismo da Illa e na Escola de Navegación Dorna

No club entraron por unha ventá e na escola rebentaron o marco da porta 

Parte do roubado deixárono esparexido polos arredores dos locais na praia do Vao

Dorna demanda unhas instalacións máis céntricas para poder protexer mellor o patrimonio marítimo 

 

G24.gal 20/03/2023 14:24

No Club de Piragüismo da Illa tiveron esta fin de semana unha visita inesperada. Quen queira que fose entrou ao parecer pola ventá que hai na parte alta da nave, segundo conta o presidente do Club, Arturo Paz Dios, de acordo coas conclusións da investigación realizada pola Garda Civil. Déronse conta o domingo pola tarde cando un dos socios foi ao local e se atopou coa oficina toda revolta e que desaparecera algún material.

"Levaron dúas pas valoradas en 450 euros cada unha, unha rebarbadora e un soprador de aire quente que empregabamos para reparar material".

Estiman nuns mil cen euros o valor total do roubado no Club. Vinculan o suceso co que houbo tamén esa madrugada na Escola de Navegación tradicional, que está na mesma zona da praia do Vao. Alí causaron máis estragos porque para entrar rebentaron o marco da porta. Leváronlles chalecos, bengalas, trofeos e ferramentas. Parte do material apareceu logo esparexido polas inmediacións.

"Había material deles e noso tirado pola praia; unha cousa sen sentido".

Desde a Escola de Navegación lamentan tamén o sucedido e aproveitan para insistir na demanda dun local axeitado ás súas necesidades e que estea nunha zona máis poboada e, polo tanto, menos susceptible de accións deste tipo.

Lembran ademais que o material de navegación tradicional co que traballan está declarado Ben de Intererese Cultural, e que polo tanto, din desde Dorna, merece máis protección por parte das administracións públicas.

Recalcan que nesa zona as embarcacións sofren moito por culpa dos ventos e din que na Illa hai outros lugares máis axeitados para sacarlle tamén partido desde o punto de vista turístico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade