Publicador de contidos

Publicador de contidos

Román Rodríguez: "Podemos educar no bo uso do móbil sen renunciar a el"

Román Rodríguez: "Podemos educar no bo uso do móbil sen renunciar a el"

Segundo o conselleiro de Educación, prohibir o teléfono nos recreos vai mellorar a convivencia e reducir o acoso

Asegura que a medida tamén pretende potenciar a vida saudable durante os descansos no horario lectivo

 

G24.gal 07/01/2024 10:32 Última actualización 07/01/2024 13:12

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, amósase convencido de que a prohibición do uso do móbil nos recintos escolares durante o horario lectivo vai mellorar a convivencia e reducir as situacións de acoso de xeito significativo.

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, falou desta nova medida que entra en vigor o luns. Segundo dixo, o obxectivo é "educar no bo uso" desta potente ferramenta tecnolóxica, "básica na vida de hoxe en día", sen renunciar a ela.

Asegura que a limitación do teléfono pretende fomentar a comunicación entre o alumnado e a vida saudable durante os recreos.

"Mellor xogar a calquera deporte que estar cos móbiles", considera.

Lembra que en Galicia o uso do móbil estaba regulado no interior das aulas dende o ano 2015, "fomos pioneiros co decreto de convivencia", subliña. Ademais, as directivas de moitos centros xa decidiran limitalo nos recreos en base á súa "autonomía organizativa".

"Aproximadamente o 75 % dos centros xa o tiñan limitado tamén no exterior. E dicíannos sempre que se reducían dun xeito progresivo as cuestións de convivencia vinculadas co acoso e co ciberacoso (...) A medida pretende darlles seguridade".

Román Rodríguez di que a maioría das familias apoian a medida.

"De feito, hai pouco falamos con elas e propuxemos facer un código de boas prácticas para regular e limitar o seu uso. Non podemos renuncia ao móbil, pero si potenciar e regular o bo uso".

Subliña que se pretende "concienciar a sociedade" porque é unha "auténtica revolución tecnolóxica" para levar no peto, unha "ventá ao mundo para o bo e para o malo".

"Non podemos renunciar, pero si regular, limitar, organizar e concienciar".

O conselleiro subliña que nos centros educativos poderá utilizarse sempre como ferramenta pedagóxica, con control docente, e en casos excepcionais (por exemplo cando hai problemas de saúde), pero sempre coa "supervisión do profesorado".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar