Román Rodríguez: "O curso empeza con récord de profesorado, 153 máis"
O conselleiro de Educación aposta por un equilibrio entre a tecnoloxía e o papel e defende a futura lei de educación dixital
Asegura que Galicia é unha das comunidades coa mellor proporción profesor-alumno
Afirma que na formación profesional dual a inserción laboral é plena
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon o foco, na véspera do comezo do curso escolar, no reforzo do profesorado nun ano no que segue a descender o número de alumnos.
Nunha entrevista na Radio Galega, Román Rodríguez destacou que hai menos estudantes pero máis profesores: 153 máis ca o ano pasado. Neste curso incorpóranse 1.100 novos docentes que acadaron praza nas últimas oposicións.
Este luns volven ás aulas 302.843 rapaces e rapazas, 4.255 menos ca o ano pasado. Un descenso que se suma ao xa rexistrado en cursos anteriores e que aínda non compensa a inmigración.
"O profesorado segue a medrar a pesar da caída do alumnado. Estamos outra vez nun número récord de profesores: 31.756, malia que temos unha caída demográfica de 4.200 alumnos que se acumula á de anos pasados. A inmigración aínda non é capaz de compensar este descenso pero hai un reforzo dos profesores para seguirmos sendo pioneiros en moitas áreas e favorecer un alumnado cada vez máis diverso e que precisa máis apoio".
Román Rodríguez lembrou que en Galicia a proporción se rebaixou a vinte alumnos por aula, unha medida que se aplica de xeito progresivo dende o curso pasado e que contrasta coa media de 25 do conxunto de España.
"Galicia é unha das comunidades con mellor 'ratio' profesor-alumno: nove fronte a once de España. Isto débese ao incremento constante do profesorado para dar resposta ás necesidades sempre crecentes no sistema educativo".
Tecnoloxía
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o conselleiro de Educación sinalou que a tecnoloxía nas aulas está a xerar un debate social e que hai que buscar un equilibrio.
"A tecnoloxía supón un avance positivo respecto ás capacidades didácticas e educativas, pero non pode enterrar todo o bo que ten o ensino tradicional".
Román Rodríguez subliñou que o goberno galego leva tempo apostando por combinar as vantaxes das novas tecnoloxías cos métodos tradicionais e analóxicos. Un modelo híbrido que tivo "boa aceptación nos centros e nas familias".
"Non podemos renunciar á introdución da tecnoloxía na aula porque estariamos privando o alumnado das competencias dixitais. Temos que potenciar que se use ben".
Neste senso, o responsable de Educación defendeu a futura lei de educación dixital que converterá a Galicia en pioneira á hora de regular o uso das pantallas nas aulas.
"O que facemos con esta norma é regular dereitos e deberes de todos os axentes educativos. Fixar o uso individual a partir de quinto de primaria e o colectivo en cursos previos para ir familiarizando o alumnado coas ferramentas tecnolóxicas".
FP dual
O conselleiro de Educación tamén se referiu ás vantaxes da formación profesional e puxo en valor a colaboración empresarial na formación dos alumnos que optan pola FP.
Román Rodríguez destacou que na modalidade mixta, na FP dual, a inserción laboral "é practicamente do 100%".
"A FP en Galicia ten experimentado nos últimos anos unha auténtica revolución silenciosa: melloramos en alumnado e en inserción laboral. Unha das grandes liñas é a FP dual, onde a inserción é plena".
Román Rodríguez puxo en valor "a utilidade da FP" tanto para o alumnado coma para os sectores produtivos que requiren dunha especialización cada vez maior.