Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rodrigo Paz, nado en Compostela, disputará a segunda volta das presidenciais de Bolivia contra Jorge 'Tuto' Quiroga

Rodrigo Paz, nado en Compostela, disputará a segunda volta das presidenciais de Bolivia contra Jorge 'Tuto' Quiroga

Samuel Doria Medina, terceiro segundo o escrutinio, asegura que apoiará a Rodrigo Paz na segunda volta, que se celebrará o 19 de outubro

REUTERS REUTERS
G24.gal 18/08/2025 08:57

O senador de centrodereita Rodrigo Paz, do Partido Demócrata Cristiano, dá a sorpresa e lidera a primeira volta das presidenciais de Bolivia, ao obter o 32 % dos votos co 90 % das actas escrutadas. O hispano boliviano rivalizará co expresidente conservador Jorge Tuto Quiroga, de Libertad y Democracia, que obtivo o 27%.

Samuel Doria Medina, terceiro segundo o escrutinio, asegura que apoiará a Rodrigo Paz na segunda volta, que se celebrará o 19 de outubro

Rodrigo Paz, hispano boliviano nado en Compostela, é fillo do expresidente Jaime Paz Zamora (1989-1993), durante o exilio que sufriu o seu pai como dirixente do extinto Movimiento de la Izquierda Revolucionaria (MIR), quen foi perseguido polos gobernos militares.

O Movimiento al Socialismo (MAS) deixará de gobernar Bolivia despois de case 20 anos.

Paz Pereira, do Partido Demócrata Cristiano (PDC), quedou en primeiro lugar nos comicios, ao obter o 32,14 % de votos válidos, segundo o Sistema de Resultados Electorais Preliminares (Sirepre) do Tribunal Supremo Electoral (TSE) e tras computar o 95,41 % das actas.

Mentres que Quiroga (2001-2002) de Alianza Libre alcanzou o 26,81 % dos votos, segundo estes datos que son preliminares e "non substitúen" os resultados do cómputo oficial, segundo o TSE.

Segundo a lei electoral boliviana, como ningún chegou a máis do 50 % dos votos nin a un mínimo do 40 % cunha diferenza de 10 puntos coa segunda candidatura, terán que disputar unha segunda volta que levará a cabo o 19 de outubro.

O oficialista MAS tiña como candidato o exministro do Goberno Eduardo del Castillo, despois de que o presidente Luis Arce renunciara a buscar a reelección no medio dunha crise económica que afecta Bolivia.

Del Castillo ten un 3,16 % de votos, porcentaxe que se non cambia nos resultados oficiais finais alcanzaría para salvar a personalidade xurídica do MAS, xa que segundo a lei electoral se un partido non supera o 3 % debe desaparecer.

Para esta xornada máis de 7,5 millóns de bolivianos estaban rexistrados para elixir o presidente, vicepresidente e lexisladores para o próximo quinquenio.

A xornada foi cualificada como "tranquila" polas misións de observación electoral da Unión Europea e da Organización de Estados Americanos (OEA), as máis numerosas que se despregaron para acompañar este proceso.

Con todo, o candidato Andrónico Rodríguez, da Alianza Popular, foi agredido por varias persoas que lle lanzaron pedras despois de emitir o seu sufraxio na localidade de Entre Ríos no Trópico de Cochabamba, o bastión político e sindical do expresidente Evo Morales (2006-2019).

O tamén presidente do Senado foi cualificado como "traidor" por Morales por buscar a presidencia de Bolivia pola súa conta, afastándose do exmandatario que era considerado o seu mentor político porque ambos son líderes sindicais de cocaleros no Trópico de Cochabamba.

Pola súa banda, o presidente Arce dixo esta noite que cumpriu o seu deber ao "garantir un proceso electoral pacífico e transparente", e asegurou que fará un "transito democrático" ao entregar a presidencia o 8 de novembro.

O empresario opositor Samuel Doria Medina, quen era favorito nas enquisas preelectorais, aceptou a súa derrota ao quedar terceiro, cun 19,86 %, de votos e indicou que apoiaría a Paz Pereira na segunda volta.

Mentres que Morales, quen non puido participar como candidato presidencial por unha inhabilitación constitucional e por non atopar un partido que o apoia tras renunciar ao MAS, encabezou nas últimas semanas unha campaña para votar nulo.

Tamén acusou o Goberno de Arce de planear unha "fraude" para estes comicios e dixo que se reunirá o mércores cos seus seguidores para analizar os resultados electorais.

Coa conclusión da xornada electoral, a política e o Estado bolivianos darán un xiro abrupto coa chegada de Quiroga, representante da dereita, ou de Paz Pereira, de centro, ao Executivo.

Así mesmo, espéranse os resultados oficiais da votación para ter un panorama da nova distribución do Lexislativo, onde o MAS tamén foi maioría por case dúas décadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade