Risco de novos desbordamentos na conca do Miño

A Confederación Hidrográfica prevé dúas enchentes para os próximos días

O caudal dos ríos case triplica o habitual nesta época do ano

Outubro foi o segundo mes máis chuvioso desde que hai rexistros

G24.gal 01/11/2023 13:55

Entre o que choveu este mes de outubro, e á vista do prognóstico para os próximos días, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil advirte de dúas novas enchentes á vista, a primeira entre o hoxe e mañá nas bacías do Avia, Arenteiro, Arnoia e Caldo.

Agustín Sevilla, Oficina de Planificación Hidrolóxica da CHMS: "A punta desa enchente prevese que chegue a Ourense, ao río Miño, no serán do xoves".

O segundo episodio será ao longo da fin de semana e chegará ao Miño a primeiras horas do domingo.

"Tendo en conta que se acumulará o primeiro episodio, provocará a activación de moitas estacións da provincia", sinala Agustín Sevilla.

O mes máis chuvioso

Desde que comezou o ano hidrolóxico, o 1 de outubro, caeron en Ourense 340 litros por metro cadrado, fronte aos 140 de media histórica. Máis da metade, na última semana.

Os ríos levan máis auga ca nunca por estas datas, un 233 por cento máis. Hai uns días xa vimos o Arnoia desbordado e agora é o Miño ao seu paso pola cidade o que inunda a Chavasqueira, para desgusto dos usuarios.

En só unha semana, o nivel dos encoros subiu 9 puntos porcentuais. Están ao 73 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar