Publicador de contidos

Publicador de contidos

Richard Gere, a última das celebridades que aposta por mercar casa en Galicia

Richard Gere, a última das celebridades que aposta por mercar casa en Galicia

O actor mercou coa súa muller Alejandra Silva unha vivenda en Oleiros de máis de 18.000 metros cadrados; custoulles sobre 10 millóns de euros

Julio Iglesias ou David Chipperfield tamén teñen o seu refuxio en Galicia

 

G24.gal 10/09/2025 14:17

O futuro fogar de Richard Gere e Alejandra Silva estará nunha espectacular vivenda con vistas á praia de Santa Cristina de Oleiros. Todo un desexo cumprido para o actor, que primeiro se namorou dunha galega e despois da terra onde ela naceu. 

Está mesmo a carón da praia. A noticia correu hoxe como a pólvora entre os veciños.

"É unha sorpresa grande, eu véxoa de vez en cando, cando paseo por aquí, pero non podía imaxinar que a podía mercar Richard Gere"

"Penso que vai traer moito ben nesta esquina de aquí de Galicia, e o sitio tamén é marabilloso", comentan os veciños

Había rumores no concello de que andaban buscando unha casa por esa zona.

"Había o ruxerruxe porque sabiamos que el viña en vacacións aquí, témonos atopado con eles comendo e ceando", apunta Antonio Casal, asesor inmobiliario en ACS Oleiros

Porque moi preto de onde compraron, está a propiedade de verán dos Silva onde Alejandra pasou moitos veráns en familia.

"Non me estraña que mercaban este inmoble porque cumpre condicións que practicamente ningún máis nesta zona, pode cumprir", continúa o asesor inmobiliario

A busca non debeu ser doada porque querían unha propiedade con intimidade e con vistas ao mar.

"Esta sería a propiedade que mercaron toda que ten uns bosques arroupándoa e ten zona deportiva, ten construcións anexas, pistas de tenis, piscina, e a principal que aquí unha especie de miradoiro que ves a cidade da Coruña", explica

O terreo ten algo máis de 18.000 metros cadrados dos que uns 1.000 están construídos. Por ela, os Gere pagaron ao redor dos 10 millóns de euros

 "É unha das mellores que hai por aquí na contorna", conta un home

"Isto se o queres mercar normalmente ou o pagas ou non o mercas", conclúe Antonio Casal

Con esta operación o actor acaba de poñer definitivamente a Oleiros no mapa.

Pero para canto a Galicia, o de Julio Iglesias. Detrás deste muro de pedra agóchase a vivenda que mercou este verán en Piñor, moi preto da terra de seu pai e con lago propio. Toda unha sorpresa para os veciños deste pequeno concello ourensán.

Moito máis accesible é o refuxio que David Chipperfield, premio Pritker de arquitectura, ten en Corrubedo. Nesta parroquia de Ribeira ten o seu fogar e mesmo restaurou a cantina do porto, nunha aposta pola sostibilidade e a integración coa poboación local.

Pero se algo deixa pegada nos famosos é a gastronomía. Viño, percebes, pero, sobre todo, a tenreira galega suprema deixaron abraiado o prestixioso chef Ramsey. Dixo que era a mellor carne do mundo. 

A Henry Cavill, o actor de Superman, tanto lle gustou a rubia galega que mercou varios exemplares no Corgo para criar na súa parcela preto de Londres. E tamén en Hollywood se fala da terneira galega desde que Eva Longoria nos visitou.

Celebridades conquistadas polo estómago, a paisaxe, a cultura e a lingua do país. O pianista James Rhodes quere mercar casa en Muros para practicar o seu galego, e botar raíces nunha terra con cada vez máis caras coñecidas aos que ir pedirlles sal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar