Publicador de contidos

Publicador de contidos

A policía volve intervir no barrio coruñés da Sagrada Familia por unha ameaza de acoitelamento

A policía volve intervir no barrio coruñés da Sagrada Familia por unha ameaza de acoitelamento

Aconteceu a plena luz do día, cando moitos nenos ían de camiño ao colexio

Os axentes identificaron os implicados na lea, pero non atoparon ningún tipo de arma

G24.gal 10/09/2025 13:51

Pasaban poucos minutos das oito da mañá deste martes cando algúns veciños do barrio da Sagrada Familia volvían presenciar unha nova lea.

"Aquí, a escasos metros do piso este. A verdade é que non temos moi claro que fose de aí, pero había dúas parellas discutindo e un home ameazou outro con acoitelalo", relata unha testemuña.

Unha das persoas que presenciou o incidente non tardou en chamar a policía. Primeiro chegaron axentes da Local e, pouco despois, da Nacional.

"Viñeron, fixeron a intervención... Había tres ou catro coches de policía e identificaron os implicados. Pero non atoparon coitelo nin nada".

Porén din estar fartos de vivir episodios similares cada poucos días.

"O anterior creo que foi o venres da semana pasada. Aquí cada tres ou catro días, como moito, soe pasar algo. Estes días si hai máis presencia policial e parece que se están cortando un pouco máis, pero tampouco sabemos se será a calma que precede a treboada, ou se se está conseguindo suavizar o tema".

No barrio sinalan unha vivenda como a orixe do problema que sofren. Din que aí venden droga barata e que acode moita xente a mercar e mesmo consumir.

"O piso está como fumadeiro. Aí xa lles preparan a droga e déixanlles consumir dentro. Ven xente de fóra e que o que veña desesperado rouba o que atopa". "A min onte roubáronme a carteira. E, si, dá medo".

Por iso queren que alguén tome cartas no asunto e acheguen unha solución definitiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade