Publicador de contidos

Publicador de contidos

A policía detén en Lugo un home que ameazou cunha navalla uns rapaces de 12 anos

A policía detén en Lugo un home que ameazou cunha navalla uns rapaces de 12 anos

Os menores fuxiron e refuxiáronse nun estanco próximo, na praza da Fonte dos Ranchos, visiblemente nerviosos

O presunto autor dos feitos, un indixente de 64 anos, foi posto en liberdade tras prestar declaración nos xulgados

O estanco onde se refuxiaron os nenos, na luguesa praza da Fonte dos Ranchos
Félix Aragunde 10/09/2025 13:35

Tres nenos duns doce anos paseaban pola praza da Fonte dos Ranchos, en Lugo, cando se cruzaron cun home que presuntamente os asaltou e, sen mediar palabra, ameazounos cunha arma branca. Brandía unha navalla duns 20 centímetros de folla, polo que os rapaces temeron pola súa integridade e correron ata un estanco próximo, onde se refuxiaron visiblemente alterados.

"Entraron chorando, pregunteilles que lles pasaba e dixeron que un señor lles sacara un coitelo. Un deles viña, o pobre, case ouriñado co medo. Cando me asomei, vin que era un vello coñecido da zona, que está por aquí todos os días. Deixeinos chamar a súa mai e marcharon", relata Silvia Pérez, dependente do estanco. 

Cando as testemuñas alertaron o 091, as patrullas policiais chegaron de inmediato dende a Comisaría Provincial, situada a escasos metros. Os axentes tampouco tardaron en dar co presunto autor dos feitos, un indixente de 64 anos habitual da zona que xa protagonizara outros incidentes. Ao trataren de falar con el, reaccionou de xeito violento, polo que acabou detido.

"Causou moita axitación. De feito, chegaron varias patrullas da policía. Viñeron rápido, que están aí ao lado. Moita xente coñece o señor e moita xente falou e opinou", engade Silvia. 

"A xente asústase, claro, ao ver unha navalla. É perigoso, obviamente. Fixeron ben en chamar a policía. Pero creo que este home habería que ingresalo nun centro e darlle a atención que requira", sinala o hostaleiro Alberto Vélez. 

Unha vez pasou a disposición da xustiza, o detido alegou que sofre adiccións ao alcohol e ás drogas. A xuíza do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo decidiu daquela deixalo en liberdade, non sen advertilo de que o ingresaría en prisión en caso de reincidencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade