Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ricardo Cao, novo reitor da UDC, inicia mandato baseado na “humanización, equidade e participación”

Ricardo Cao, novo reitor da UDC, inicia mandato baseado na “humanización, equidade e participación”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura que é o momento de consolidar a universidade coruñesa "como epicentro das novas tecnoloxías"

G24.gal 16/01/2024 16:25 Última actualización 16/01/2024 17:12

A Universidade da Coruña estrea reitor. O matemático Ricardo Cao tomou posesión este martes do cargo. Coa nova lei do sistema universitario, o seu mandato só poderá durar seis anos sen posibilidade de renovación. O novo reitor defendeu que a comunidade universitaria ten que ser escoitada, pero tamén debe poñerse mans á obra, dixo, para facer da Universidade da Coruña a mellor posible.

Ricardo Cao tomou posesión “feliz e honrado”, e indicou que o seu mandato estará baseado na “humanización, equidade e participación”.

No acto celebrado este martes no Paraninfo do Reitorado, na Coruña, e no que estivo presente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, Cao confesou que “ser reitor dunha universidade pública é unha das misións máis honrosas que pode ter un profesor universitario”.

Na súa “aposta clara pola universidade pública de calidade”, Cao insistiu na “necesidade de acometer cambios”, entre os que inclúe unha “renovación xeracional do persoal”, o que considera unha “necesidade urxente”, así como “intensificar a participación” de todas as persoas que integran a UDC.

En plena precampaña polas eleccións galegas que se celebran o 18 de febreiro, o reitor da UDC pediu “a todas as forzas políticas que escoiten á universidade para elaborar as súas propostas”.

A “igualdade de oportunidades”, a “xustiza social”, a necesidade de aumentar o orzamento, a “internacionalización" e a "captación e retención de talento" son algúns dos eixos do seu plan de goberno.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a colaboración dos tres reitores para mellorar Galicia, e coa Xunta para acadar logros como o plan de financiamento, e ofreceulle colaboración leal.

Rueda reflexionou sobre o "importante papel que xogan as universidades en Galicia", ás que, sinalou, "hai que escoitar" porque son o "motor que fai avanzar aos territorios", e defendeu que as tres universidades galegas teñen que "funcionar como un organismo vivo, en constante evolución" e "garantir a igualdade de oportunidades, o progreso e o benestar social".

Para o presidente autonómico, é momento de consolidar á universidade coruñesa "como epicentro das novas tecnoloxías", coa apertura da Cidade das TIC, que é tamén un proxecto de cidade, como a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, e "avanzar na internacionalización e promover a investigación".

O exreitor da UDC, Julio Abalde, que será substituído por Cao, despediuse coa "satisfacción do realizado", lembrando os seus dous mandatos na institución, e resumiu que "se pecha unha etapa e comeza unha nova" -figura nas listas do PSdeG da Coruña para as eleccións-, pero "estea onde estea", engadiu", sempre traballará "pola defensa dos servizos públicos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade