As tres universidades defenden o modelo da PAU, pero piden melloras tras as incidencias
Os reitores da USC, UVigo e UDC nun comunicado conxunto defenderon a función da CIUG aínda que ven necesario avanzar en melloras como unha segunda persoa que revise as probas
O conselleiro de Educación censurou a actuación CIUG que definiu como unha "fuxida cada adiante"
Europa Press
As tres universidades públicas galegas defenderon este martes o modelo actual das probas de acceso á universidade porque entenden que foi "sólido, fiable e recoñecido como un referente no conxunto do Estado" durante décadas, aínda que ven necesario avanzar en melloras como unha segunda persoa que revise as probas.
Os reitores da USC, a UVigo e a UDC pronunciáronse deste xeito, nun comunicado conxunto, despois de que a controversia na elaboración destas probas xerase un cruzamento de reproches entre a Consellería de Educación e a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).
A este respecto, defenden a función da CIUG e lembran que está integrada por un representante de cada unha das tres entidades que conforman o Sistema Universitario de Galicia (SUG) e por tres membros designados pola Consellería de Educación, "cunha participación equilibrada ao 50 % entre as universidades e a Xunta de Galicia”.
Remarcan que, desde a súa creación, a CIUG velou por un proceso que "permitiu que máis de 500.000 estudantes realizasen as probas desde 1993 sen que se producise ningunha filtración".
Este sistema baséase na elaboración de múltiples propostas de exame por parte dos grupos de traballo de cada materia, "nos que participan tamén representantes designados pola Consellería, así como profesorado de ensino secundario".
Con todo, e como xa manifestara a pasada semana o presidente da CIUG, Iván Carlos Area, presentaron unha modificación na que pedían a incorporación dunha segunda persoa na elaboración dos exames por cada materia, co obxectivo de minimizar posibles erros humanos e reforzar os mecanismos de revisión.
"Esta proposta foi trasladada de xeito formal e reiterado en distintas reunións, formais e informais, sen que se recibise resposta por parte da Consellería", sinalan.
Os reitores consideran que é necesario actuar e atender esta demanda, xa que as incidencias rexistradas nesta convocatoria "poñen de manifesto a necesidade de actualizar" a normativa e incorporar as melloras xa propostas hai dous anos, co fin de reducir o risco de erro humano.
Tras as incidencias detectadas tanto nas probas de Debuxo Técnico como en Historia de España ou Historia da arte, os reitores aseguran que son "conscientes" da preocupación xerada e apoian á CIUG porque foron "os primeiros en facer autocrítica", analizando os erros e adaptando "as medidas necesarias para evitar consecuencias negativas para o estudantado".
Preguntado sobre este tema polos medios durante un acto en Santiago de Compostela, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, censurou a actuación da CIUG, unha situación que definiu como unha "fuxida cara adiante" tras o que considera unha "acumulación de erros" durante o desenvolvemento das probas.
Así mesmo, mostrou a súa "sorpresa" pola falta de información trasladada pola CIUG respecto aos novos criterios aplicados tras os erros detectados.
"Non se informou ao respecto de como van ser eses novos criterios. Desde os servizos técnicos da Consellería pedímoslle información á CIUG e non se nos respondeu. Díxosenos que xa os coñeceriamos unha vez fosen publicados", declarou.
Rodríguez defendeu a necesidade de actuar con maior consideración cara aos estudantes, ao entender que nestas probas está en xogo "o futuro académico de moitísimas persoas", polo que á súa vez reclamou que se "asuman responsabilidades".
Por outra banda, o conselleiro criticou a posición adoptada polo BNG ao respecto e considerou "inaudito" que a formación nacionalista dirixa as súas críticas cara á Xunta en lugar de centrarse na situación que atravesan os alumnos e as súas familias.