Riazor, a última baza do Liceo ante un Barça a un paso do título
Martí Serra: "Temos que cambiar catro cousas e aproveitar o factor cancha"

O Deportivo Liceo encomendarase este venres (20:30 pola G2) ao empuxe do Palacio dos Deportes de Riazor para evitar o alirón do Barça, que chega ao terceiro partido da final coa oportunidade de conquistar o seu trixésimo quinto título de Liga, o terceiro consecutivo.
E é que o conxunto azulgrá aterra na Coruña coa súa parte feita tras impoñerse nos dous primeiros encontros disputados no Palau Blaugrana: un disputado 6-3 no primeiro duelo e un contundente 6-0 no segundo, que reflicten o gran momento de forma que atravesa o equipo dirixido por David Cáceres.
Martí Serra: "Temos que cambiar catro cousas e aproveitar o factor cancha".
"Hai que mellorar defensivamente e rematar os contraataques".
O factor pista, combinado cunha maior efectividade para porta, un control máis rigoroso das perdas e a capacidade de conter as transicións do Barça, antóllase clave para forzar un cuarto partido, que tamén se disputaría en Riazor o vindeiro domingo.
Pero para competir de verdade contra un Barça tan sólido, o Liceo necesitará unha versión coral, na que máis xogadores asuman protagonismo e non recaia todo o peso no seu capitán, David 'Dava' Torres.