Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nova edición do Bono Comercio: poderá descargarse desde o mércores

Nova edición do Bono Comercio: poderá descargarse desde o mércores

O Consello da Xunta aproba destinar 2,5 millóns de euros para descontos no comercio de proximidade

G24.gal 03/11/2025 12:11 Última actualización 03/11/2025 15:19

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou tras a reunión do Consello deste luns unha nova edición do bono Activa Comercio, a segunda deste ano. Segundo explicou o xefe do goberno galego, os bonos poderán descargarse a partir das 9 da mañá deste mércores.

Como nas edicións anteriores, cada persoa poderá descargar un único bono, que terá 30 euros de desconto. Ese importe, como saben, irase reducindo en función do que se merque: 5 euros de rebaixa para compras entre 20 e 30 euros, 10 euros de desconto se o produto vale entre 30 e 50 euros, e a partir desa cantidade a rebaixa será xa de 15 euros.

A única novidade é que os establecementos que participaron na convocatoria deste verán non terán que inscribirse. Os que decidan sumarse agora teñen ata o 15 de decembro para apuntarse, ou ata que se esgote o crédito, que desta volta é 2,5 millóns de euros, cos que a Xunta prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas en comercios de proximidade.

Con esta medida, segundo explicou Alfonso Rueda, quere apoiar, sobre todo, as tendas de produtos téxtiles, con dificultades para vender polas condicións climatolóxicas. A Xunta destaca que dende que puxo en marcha esta iniciativa para estimular a venda se mobilizaron 110 millóns co comercio local. Na convocatoria de xuño participaron 6.500 negocios e descargáronse preto de 215.000 bonos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade