Retómanse as clases en Galicia con 9.000 infectados na comunidade educativa
O protocolo do Sergas para esta volta ao cole establece que as aulas de infantil e primaria pecharán se hai máis de cinco casos de coronavirus ou o 20 % dos alumnos
Un ano máis, a pandemia volverá marcar o inicio do segundo trimestre deste curso escolar. Na semana en que a Xunta espera que se alcance o pico de contaxios desta sexta vaga, hai hoxe en Galicia, segundo cifrou a Consellería de Sanidade, polo menos 3.600 nenos entre cinco e 11 anos infectados por covid–19, que recibirán clases telemáticas. A semana pasada había ademais polo menos 200 profesores de baixa.
O protocolo do Sergas para esta volta ao cole establece que as aulas de infantil e primaria pecharán se hai máis de cinco casos de coronavirus ou o 20 % dos alumnos. E en secundaria, os estudantes que foran contactos estreitos dun positivo non farán corentena se teñen a pauta completa e non presentan baixa.
A Consellería de Sanidade asegura que inda quedan puntos dese protocolo sen pechar entre Goberno e comunidades autónomas; por exemplo, a franxa de idade para eliminar as corentenas de toda unha aula cando haxa cinco ou máis positivos, inda que a idea é que sexa a partir de secundaria.
Ademais dos autotests, Sanidade vai seguir coa vacinación infantil. Entre mañá e o xoves porán as 36.000 doses que teñen previsto recibir hoxe. Neste momento, o 60 % dos menores de 12 anos xa teñen polo menos unha dose, unha porcentaxe que case duplica a media española, que vai no 32 %. Calculan que a mediados de febreiros xa poderían ter todos a pauta completa. A consellería urxe a empezar a vacinar ademais o grupo de 30 a 39 anos.
A pesar do acordado na Comisión de Saúde Pública, cada comunidade adapta o seu protocolo. Madrid, por exemplo, xa anunciou que non fará corentenas, Asturias porá un medidor de CO₂ en cada clase e en Euskadi limitan os grupos burbulla ás aulas e non poderán interactuar con outros no exterior.