Retiran as campás da Facultade de Historia de Santiago polo risco de caída
Os conserxes deron a voz de alarma cando viron como cedía o eixe de ferro que as suxeitaba
As campás teñen varios séculos de antigüidade e unha tonelada de peso
O edificio, considerado ben de interese cultural, necesita unha rehabilitación urxente
Foron os conserxes quen deron a voz de alarma. Coñecen o centro como a palma da man, percorren a diario os seus recunchos, e grazas ao rápido aviso aos servizos de mantemento da universidade evitaron o que puido ser unha desgraza.
Francisco Pampín explica que "a campá estaba a piques de ceder". O decano, Marco García Quintela, indicoulles que chamasen urxentemente á oficina de rehabilitación da universidade. "Cando retiraron unha das campás vese como retiran un montón de óxido que salta e que mostra ben que estaba sustentada en nada".
O equipo de conserxes do centro, un edificio considerado ben de interese cultural, foi tamén quen gravou as imaxes da retirada destas xoias do patrimonio, que datan, segundo as inscricións, de 1604 e 1739. Foi necesario un guindastre de grandes dimensións. Foi o que máis tempo levou, a montaxe do guindastre. "As campás en dez minutos retiráronas".
Unha das pezas pesa arredor de 600 quilos e a outra, uns 400, polo que de caeren, as consecuencias poderían ser graves porque, tal e como explica o conserxe, o claustro "é de acceso público, polo que podería haber unha desgraza". E igualmente grave poderían ser as consecuencias se as campás caesen cara a dentro do edificio. "Polo peso que teñen poderían chegar tranquilamente ata a planta baixa", indica, afundindo os distintos andares.
Por iso, o decano da facultade insiste en que "estamos contentos porque puidemos evitar algo grave, pero queda claro que a necesidade de intervención no edificio é urxente".
Segundo o plan director deste ben de interese cultural, o orzamento necesario para rehabilitalo é de 22 millóns de euros.