Publicador de contidos

Publicador de contidos

Resucitan en Allariz unha burra supostamente morta en Zamora

Resucitan en Allariz unha burra supostamente morta en Zamora

Atopárona moribunda nas areeiras da Limia 

Polo microchip souberon que a deran por morta hai 3 anos en Zamora

G24.gal 21/12/2021 14:30

O seu nome de rexistro é Moni, pero en Allariz rebautizárona como Trinidad: "Trinidad, porque necesitou a graza do Pai, do Fillo e do Espírito Santo para volver nacer", explica David Lema, responsable de benestar animal da asociación Andrea, que se fixo cargo do animal.

Chegou á asociación hai tres meses, cando un agricultor a atopou, abandonada e desnutrida, nas areeiras da Limia.

"Estamos falando de anos maltratada porque ten rotada a terceira falanxe das dúas mans: case lle sae a punta do óso pola sola", asegura David.

Apareceu en Sandiás, pero este concello, como a maioría, non dispón de medios para facerse cargo destes animais e así acabou na protectora de burros de Allariz. Puxérona a tratamento de inmediato: ferraduras ortopédicas, unha dieta especial e moito cariño. "Agora camiña, camiña bastante, pasa moito tempo de pé, que antes sempre estaba tombada. E de ánimo está moi activa, moi cariñosa", explica David.

Microchip

O animal ten chip. Grazas a el, souberon que o seu dono, un gandeiro de Zamora, rexistrou a súa morte en 2018. Pero quedan moitas incógnitas por despexar. 

"A primeira: como é posible que a recollida de cadáveres e a administración non verifiquen a morte do animal. A segunda: como se traslada o animal ata Ourense desde Zamora", sinala David.

A cuestión está agora en mans da Administración de Castela e León, pero o futuro de Trinidad non corre perigo. A asociación vai seguir facéndose cargo dela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade