Restauran o Ecce Homo descuberto no Museo das Mariñas para ser exposto na Semana Santa de Betanzos
O óleo estaba "agochado" no almacén do museo e foi atopado de xeito case accidental
A primeira hipótese é que podería ser unha obra de finais do século XVII ou do XVIII
Atopamos á restauradora de arte Patricia Muñoz no seu estudo da Coruña. Traballa no óleo dun Ecce Homo que estivo agochado anos no almacén do Museo das Mariñas de Betanzos.
"Que chamaba a atención? Que ten como moita máis dureza que outras representaciones que tiña visto", explica a propia Patricia.
Foi ela quen descubriu o cadro durante unha visita. Di que por pura intuición. E ao darlle a volta había máis.
"Ao sacar a obra e mirar polo burato pareceume que a obra tamén estaba pintada por detrás cando o lóxico sería ver o reverso do lenzo e non pintura".
Desvelado o segredo, houbo que limpar e retirar a tea.
" Ten uns pequeniño buratos doutra montaxe anterior que non sabemos que pode ser". E ao viralo isto foi o que nos atopamos".
A Confraría da Semana Santa sufraga a restauración. O lenzo podería tratarse de arte novohispana de finais do século XVII ou XVIII. É unha primeira hipótese na que traballan xunto ao profesor da Universidade de Santiago Juan Manuel Monterroso.
"Só pola súa antigüidade xa é moi relevante e logo a temática tamén é pouco usual", di a historiadora da arte Carolina Monzo quen traballaba no Museo das Mariñas cando se produciu a descuberta do cadro.
A idea é que o Ecce Homo sexa exposto durante a Semana Santa de Betanzos.