Recuperan o corpo dun home falecido dentro dun lagar en Monterrei
Os veciños deron a alerta logo dunha hora sen saber nada do home que estaba facendo viño
As medicións deron uns niveis de osixeno dentro do lagar inferiores ao dez por cento
Os servizos de emerxencia recuperaron este domingo á noite un home falecido no interior dun lagar en Monterrei. O home estaba facendo viño na parroquia de Flariz, no lugar de Sandín.
O aviso chegou ao 112Galicia ás 21:50 horas, a través do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que informaba de que os veciños levaban aproximadamente unha hora sen ter noticias do home.
Manuel é quen atopou o corpo sen vida do seu veciño. Acudiu ao lagar contra á noitiña, alertado pola nai da vítima, que se preocupou ao ver que tardaba moito en regresar.
"Fun á adega, abrín a porta, que estaba pechada, e xa vin os zapatos enriba dunha táboa. Mirei cara o lagar e xa o vin tumbado". "Chamaron o 061 pero non había nada que facer. Xa estaba morto", di Manuel.
Entre el e outro veciño aínda intentaron reanimalo, pero non foi posible.
"O lagar non tiña moito mosto e el estaba boca arriba, daba a sensación de que intentaba respirar. Mireille o pulso e aínda intentamos reanimalo, pero...", explica Manuel.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Verín e fixeron medicións. A concentración de osíxeno no aire era só dun dez por cento, unha porcentaxe incompatible coa vida. "E iso coa porta aberta". "Vanlle facer a autopsia para ver se foi do osíxeno ou de que lle dera algo ao corazón ou á cabeza. Iso é o que queren aclarar", comentan Manuel e a súa muller.
Traballo perigoso
Na zona andan todos cos mesmos traballos estes días. A vendima adiantouse este ano e boa parte da uva está xa nos lagares. Os veciños son conscientes dos riscos que implica remexer a uva durante a fermentación porque non é a primeira vez que ocorre unha desgraza.
"Eu fíxeno moitas veces. Hai veces que parece que te chama para abaixo". "É moi perigoso se non ventilas. Como se metes e a boca no tubo de escape dun coche". "Hai que estar previdos, con ventilación. E normalmente non debía estar unha persoa soa", explican dous veciños.
Así e todo, están pendentes do resultado da autopsia para confirmar se esa foi a causa da morte.