Rescatan un ancián tras días ferido na súa casa en Lugo
O home, de 82 anos, sufrira unha caída e quedara inmóbil, polo que foi ingresado no HULA
Un home de 82 anos tivo que ser rescatado tras caer na súa propia casa, no barrio lugués da Milagrosa, onde permaneceu inmóbil durante días. O ancián sufriu varias fracturas, polo que nin sequera podía erguerse para pedir axuda.
Tampouco para abrir a porta, que foi o que alertou a asistenta que o vai atender a diario e que avisou a policía. Unha vez acudiron varias patrullas e mais os bombeiros, os axentes atoparon o octoxenario deitado, nun estado moi preocupante.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Non se deu localizado ningún familiar nin ningún paradoiro, polo que se chamou os bombeiros para franquear a entrada. Xa na vivenda, comprobouse que o home estaba na cama cunha forte dor no costado, froito dunha caída, sen comer, sen beber e sen poder moverse, e déuselle asistencia ata a chegada do 061".
Dáse a circunstancia de que na mesma vivenda xa sufrira un suceso similar outro ancián. Daquela fora unha veciña a que alertara a policía, que recomenda non agardar demasiados días para dar aviso.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Por desgraza, é habitual. Esta vez, que se fixo máis mediático, serve para pedir que nos chamen cando boten en falta un veciño. Sempre é mellor acudir en 24 ou 48 horas, que non nunha semana e que poida aparecer finado".
Tras ser trasladado a Urxencias nunha ambulancia, o octoxenario permanece ingresado no HULA.