Rescatan seis persoas que ían en pedaleta despois de quedar varadas no mar en Vilagarcía
As rapazas quedaron varadas logo que o vento as arrastrase lonxe da praia de Compostela
Emerxencias de Vilagarcía foi quen levou a cabo o rescate e as devolveu á terra
Emerxencias de Vilagarcía rescatou onte a seis adolescentes de entre 15 e 16 anos que quedaron varadas no medio no mar cando ían en pedaleta.
Os rapaces colleron as pedaletas na praia de Compostela e quedaron á deriva logo que o forte vento as arrastrase ata o peirao comercial, sen ter posibilidade de volver.
"Unha vez que saen fóra do que é o abrigo do peirao comercial, do peirao do Ramal, o vento abáteas e lévaas cara ao exterior da ría e xa non son capaces de volver polos seus propios medios", comenta Francisco Javier Guillán Busto, xefe do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía de Arousa.
As propias rapazas foron as que deron a voz de alarma e chamaron o 112, que á súa vez alertou o Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía. Estes acudiron á zona e leváronas de volta á terra con éxito.
"Dende aquí, dende o servizo, mobilízase unha embarcación, que sae inmediatamente e rescata as rapazas. Estas quedan no peirao deportivo e a pedaleta retórnase directamente á praia", conta Francisco Javier Guillán Busto.
Unha vez no porto de pasaxeiros, as afectadas regresaron á praia de Compostela sen maior problema.