Rescatan ao límite un condutor que caeu co coche á auga en Vilanova de Arousa
O home, de 77 anos, perdeu o control do volante ao sufrir un ictus e caeu ao mar
Foi precisa unha cadea humana, dirixida polo alcalde, para subir a vítima ata a beiravía
Entrou nunha rotonda, foi de fronte, co coche xa sen control, atravesou a beiravía, varios metros de pedra, e quedou na area.
"Un pequeno susto porque o veciño ía conducindo, empezou a sentirse mal e acabou co coche no Esteiro. Baixou polo terraplén, rompeu o valo e terminou no mar", explica Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova.
Sorte da marea baixa, porque o condutor, de 77 anos, sufrira un ictus e non puido reaccionar. O alcalde, médico de profesión, dirixiu o rescate ata a chegada da ambulancia.
"O home non se podía mover. Estaba paralizado e polos medios non se podía mover. Había que sacalo nunha cadeira da ambulancia e houbo que poñelo na cadeira e subilo a pulso entre todos os que estabamos alí", engade o rexedor.
Carreira contra o reloxo para sacar o home de dentro do coche, apurados pola marea.
"O rescate foi complexo porque estabamos nun desnivel de tres ou catro metros ao que só se pode acceder a pé e tiñamos unha compoñente moi en contra, que foi que a marea estaba empezando a subir", sinala Diego Díaz, inspector xefe da Policía Local de Vilanova.
"É unha zona que, como Esteiro que se chama, queda en seco. Nese momento, non estaba en seco de todo e aquí a marea sobe metro e medio, que se estás no coche, é un problema", aclara Durán.
O resto de circunstancias tampouco axudaron e fixeron falta mans. Non sobrou ninguén.
"Había que subir unha persoa duns cen quilos a pulso, por un desnivel duns tres metros con pedras, o que representaba unha situación moi difícil. Entón tivemos que facer unha cadea humana, na que participaron unhas dez persoas, para subir pouco a pouco o condutor", sinala o xefe da Policía Local.
"Foi fácil pola cantidade de xente que houbo e como colaboraron", celebra o alcalde.
Xa sen présas, foi preciso un guindastre para sacar o coche da auga e hoxe varios operarios reparaban os danos no quitamedos. O home recupérase no hospital. De momento está estable, á espera de como evolucione.