Resaca emocional en Marín tras a chuvia de millóns que deixou a lotería do Neno
As caras dos loteiros que venderon os 100 décimos do 06703 reflicten a resaca emocional dun premio deste calibre tras 50 anos e varias xeracións á fronte do negocio
Xornada de resaca en Marín tras a chuvia de millóns que onte deixou a lotaría do Neno. Cansos tras a festa, pero felices por repartir eses 20 millóns de euros entre a veciñanza, os responsables da administración de lotaría TICA non cesaron de recibir hoxe os parabéns de veciños e clientes. Todos coinciden na importancia dun premio desa contía e a repercusión que pode ter na economía local.
Pasadas as festas de Nadal toca volver á rutina, pero en Marín é hoxe algo máis levadía. 20 millóns de euros teñen a culpa. As caras dos loteiros que venderon os 100 décimos do 06703 reflicten a resaca emocional dun premio deste calibre tras 50 anos e varias xeracións á fronte do negocio.
Elena González é unha das afortunadas. Xa se achegara onte para celebrar canda os loteiros a súa sorte pero volveu esta mañá cunha das súas netas para reiterarlles o agradecemento. Contounos que foi o seu home o que mercou o décimo na véspera do sorteo pola tarde. Que o souberon mentres vían en directo a retransmisión do sorteo e que quedaron en shock inicialmete porque non o crían. Case sen durmir pola emoción, relataba que vai repartir o premio cos fillos e que en febreiro viaxarán a Eurodisney para celebrar o aniversario da súa neta.
Algún que outro cliente achegouse tamén á Administración para cobrar premios menores. Iso si, todos comparten a satisfacción de que a fortuna caera en Marín pola repercusión que pode ter na economía local.