Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polémica pola supresión de dúas das cinco paradas diarias en Seabra (Zamora) do AVE Madrid-Galicia

Polémica pola supresión de dúas das cinco paradas diarias en Seabra (Zamora) do AVE Madrid-Galicia

A medida provocou o malestar de usuarios, institucións e partidos políticos en Zamora

Caballero aplaude que Vigo-Madrid baixe de 4 horas ao quitar paradas en Galicia e Castela

Renfe aduce motivos de reorganización pero indica que aumenta prazas a pesar de baixar frecuencias

G24.gal 15/05/2025 15:27

As novas frecuencias da liña do AVE Madrid-Galicia reducirán de cinco a tres as paradas diarias na comarca de Sanabria (Zamora), que tamén verá alterados os seus horarios, o que provocou o malestar de usuarios, institucións e partidos políticos, que o vinculan á petición do alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), de reducir paradas en Castela e León para acurtar o tempo do traxecto.

Esa modificación, que se aplicará a partir do mes de xuño, implica, por exemplo, que en sentido Madrid non parará ningún tren na estación Seabra Alta Velocidade -na Pobra de Seabra- ata preto das doce e media do mediodía, cando ata o de agora o primeiro convoi era á primeira hora da mañá, segundo os novos horarios que figuran na páxina de compra de billetes de Renfe a partir do 9 de xuño.

O cambio de frecuencias supón que os seabreses que teñen que desprazarse a Madrid para acudir a consulta médica, xestións burocráticas e outros servizos, que unicamente funcionan en horario de mañá, na práctica non vaian poder ir no mesmo día, cando ata o de agora si podían facelo en dúas frecuencias matinais agora suprimidas.

A Junta de Castela e León anunciou a través do seu portavoz, Carlos Fernández Carriedo, o envío dunha carta de queixa a Renfe e outra ao Ministerio de Transportes pola eliminación de paradas en Seabra.

Vinculou ademais a supresión coas recentes declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que pediu unha maior rapidez dos trens a Galicia mediante a supresión dalgunha parada en Castela e León, a pesar de que o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, descartou entón que se fosen producir estes recortes.

O portavoz da plataforma de usuarios do AVE de Zamora, Álvaro Mayoral, subliñou a EFE que as modificacións afectan tamén a viaxeiros que se desprazan por motivos laborais entre Medina del Campo (Valladolid) e Zamora ou entre a capital zamorana e a comarca de Seabra.

Do mesmo xeito, a supresión do primeiro servizo afecta a traballadores da provincia de Ourense que traballan na comarca de Seabra.

Caballero aplaude a medida: o traxecto Vigo-Madrid baixará das catro horas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, aplaudiu que o traxecto en tren entre Vigo e Madrid baixe ata as 3 horas e 50 minutos a partir do 9 de xuño, no convoi madrugador, ao suprimir as paradas en varias localidades de Galicia e Castela e León.

Dese xeito, ese tren que sae ás 6:00 horas só efectuará paradas en Pontevedra, Ourense e Zamora.

"O feito de que xa esteamos por baixo das catro horas é un avance substancial e vai na liña do que no mes de marzo eu lle expuxen ao presidente de Renfe e ao ministro de Transportes", indicou o rexedor vigués

Para Caballero, trátase dunha "decisión correcta", a pesar de que tivo "ataques moi fortes do presidente de Castela e León", Alfonso Fernández Mañueco, por pedir que se eliminasen paradas nesa comunidade, onde agora se suprimen, no tren madrugador desde Vigo, as de Segovia e Medina del Campo.

Tamén se eliminan, respecto ao tren que opera actualmente á primeira hora da mañá, as paradas de Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, A Gudiña e Seabra.

"Hoxe segue habendo oposición desde Castela e León queixándose de que dúas das cidades deixaron de ter as paradas dos trens que saen desde Vigo. E segue reclamándoo e a Xunta segue calada", afeou o primeiro edil vigués.

Caballero lembrou que Segovia tiña 37 trens diarios a Madrid e Medina, oito de alta velocidade, o dobre que Vigo.

O alcalde pediu aos municipios afectados que "sexan solidarios, que entendan que Vigo, ademais de dar unha volta de 100 quilómetros -por Santiago-, ten que parar en Segovia e en Medina, que teñen moitísimos trens de alta velocidade".

"Esta decisión é xusta con Vigo e non dana en absoluto a ningún sitio de Castela e León", dixo Caballero.

Ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reprochoulle que non diga que "Vigo ten razón e que el está de acordo con eses novos horarios e tempos de viaxe".

"A que non o di? Non, non lle deixa o presidente de Castela e León. Eu dubido que para o señor Rueda Vigo sexa Galicia", criticou o alcalde de Vigo.

Renfe aduce motivos de reorganización

 Renfe aduciu motivos de reorganización para suprimir frecuencias. A pesar diso, o número total de prazas diarias dispoñibles incrementarase, segundo a compañía.

Renfe detallou que en sentido Galicia as frecuencias de trens directos pasan de cinco a tres, mentres en sentido Madrid pérdese unha frecuencia ao pasar a catro a tres.

A pesar diso, o número total de prazas dispoñibles para a estación de ata velocidade da comarca zamorana increméntanse un 9 % ao día pola maior capacidade dos novos trens, pasando a máis de 2.800 diarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade