Remata un ciclo no Lugo co adeus dos seus tres capitáns
Seoane, Pita e Iriome despediranse do público do Anxo Carro no último partido diante do Málaga
O adeus dos tres capitáns vai marcar o final dunha época dourada do Lugo. Algo máis dunha década porque Carlos Pita xa estaba no equipo que ascendeu con Setién a Segunda División, en Cádiz en 2011. Era a primeira temporada do mediocentro coruñés e habían vir moitas máis na categoría de prata, de onde xa nunca baixou.
Con Fernando Seoane formou un tándem para a historia albivermerlla. O compostelán xa estivera en 2009 e regresou despois previo paso polo Nástic. Con 39 anos e 11 temporadas é outro dos piares deste Lugo asentado na Segunda División, non sen esforzo e sufrimento. Seoane viviuno especialemente coas permanencias agónicas destas dúas últimas temporadas.
Igual que Iriome González, tinerfeño pero lugués de adopción. Ultimamente tamén sufriu polas lesións, pero ao longo de oito temporadas brindou goles no Anxo Carro, as temporadas máis prolíficas, con Setién e Francisco.