Remata a temporada para o Celta Zorka coa derrota en Zamora
Defendía cinco puntos de vantaxe da ida pero acabou perdendo por once (80-69)
O Celta Zorka de baloncesto rematou a temporada logo de perder na pista do Recoletas Zamora por 80-69. Defendía cinco puntos de vantaxe colleitados no partido de ida pero non puido mantela.
A saída de Zamora foi espectacular, cun parcial de 23-9 no primeiro cuarto. O Celta non puido aguantar o ritmo das súas rivais no primeiro tempo no que encamiñaron a eliminatoria chegando ao descanso cun 44-23 que falaba ás claras.
No segundo tempo as viguesas estiveron máis atinadas e chegaron a ter opcións de remonta. Gañaron o parcial do terceiro cuarto e no último, grazas a un parcial de 2-10 poñíanse a só 7 puntos, 2 na eliminatoria (68-61). Mágoa que as viguesas non conseguiran culminar a reacción e quedaran fóra da final a catro.