Reganosa xestionará o proxecto da terminal de importación de gas natural en Dakar
Elton Logistics and Services promove este proxecto no porto da capital senegalesa que vai dirixir Reganosa
A empesa galega sinala nun comunicadao que este contrato "reforza a presenza de Reganosa en África e consolida a súa liña de negocio no ámbito da xestión integral de proxectos"
Porto de Dakar
Reganosa obtivo un novo contrato no Senegal como project management consultant (PMC) da terminal de importación de gas natural licuado de Dakar, que promove Elton Logistics and Services.
Así as cousas, a empresa galega liderará a dirección e a xestión deste proxecto "estratéxico para a seguridade enerxética do país e para a diversificación da súa matriz enerxética", segundo destaca a propia compañía nun comunicado.
Este contrato, segundo reivindica, "reforza a presenza de Reganosa en África e consolida a súa liña de negocio no ámbito da xestión integral de proxectos".
A futura terminal de gas natural licuado, que se desenvolverá no porto de Dakar, foi concibida inicialmente como unha infraestrutura integral cunha unidade flotante de almacenamento con capacidade para 137.000 metros cúbicos de gas natural licuado, un peirao cos seus sistemas de amarre, instalacións de regasificación en terra, dez baías para a carga de camións e dous gasodutos submarinos de 15 quilómetros destinados a fornecer gas a varias centrais eléctricas.
Para adiantar prazos, o proxecto estruturouse en dúas fases. A primeira, denominada early gas solution, permitirá anticipar o inicio da subministración de gas mediante unha solución modular de regasificación instalada directamente sobre o peirao.
Nunha segunda fase, está previsto acometer a ampliación das infraestruturas terrestres, incluíndo novas instalacións para a carga de camións e outros elementos non críticos para a posta en marcha inicial.
Durante as fases de enxeñería, construción e comisionado, Reganosa coordinará as interfaces entre os distintos contratistas, supervisará o avance dos traballos e apoiará o cliente na xestión técnica do proxecto, así como na preparación de procedementos operativos e na integración da futura operación e mantemento da terminal.