Recuperan unha vivenda ocupada ilegalmente en Lalín
Os propietarios atoparon o piso desfeito e en estado lamentable
Os ocupantes ilegais do segundo andar dun inmoble de Lalín abandonárono voluntariamente tras dous meses de ocupación. Porén, aos propietarios quédalles por diante traballo dabondo para axeitar a vivenda, xa que cando entraron nela atoparon un panorama lamentable.
"Horrible. Desastrosamente. Un cheiro tremendo, non se daba entrado. Estiveron dous ou tres cans aí durante dous meses e todos os excrementos polo chan. Había que mirar onde poñías o pé. Estaba todo polo chan. Unha calamidade, vaia, para chorar", conta a propietaria da casa.
A toda esta sucidade hai que engadir os estragos nas paredes e no mobiliario. Os danos materiais, di o don, son cuantiosos. Os propietarios, agora, están pendentes da avaliación do seguro.
"Todo polo chan. As portas mordidas polos cans, a porta da entrada rebentada, as vaixelas rotas, cristalería, roupa da cama tirada polo chan... feito todo un desastre", di a dona do piso.
Precisamente, este mércores un dos rapaces que ocuparon a vivenda estaba citado nun xulgado de Lalín por un presunto delito de usurpación. Declarou que entrara na vivenda porque non tiña onde vivir.