Recoñecemento aos axentes que fan 30 anos de servizo na Policía Autonómica
Todos os homenaxeados salientan que os reconforta poder axudar a xente a través do seu traballo
A última vez que os espectadores da Galega souberon de César Ramos este graduado en Criminoloxía que no pasado formou parte do Grupo de Violencia Intrafamiliar e de Menores estaba dirixindo o equipo de mergulladores da Policía Autonómica desprazado a Valencia para colaborar na busca de desaparecidos pola DINA. Hoxe, o seu labor durante as tres últimas décadas foi recoñecido.
"Tivemos funcións moi diferentes, desde a protección do medio ambiente á loita contra o furtivismo, protección de mulleres maltratadas, de menores en situación de riso e desamparo", contounos César Ramos.
Xunto a el, outro compañeiros que fan igualmente 30 anos de servizo tamén foron homenaxeados no mediodía deste mércores na Estrada, nun acto presidido polo conselleiro da Presidencia, Diego Calvo. Todos salientan o que os reconforta poder axudar a xente a través do seu traballo.
"Sobre todo os servizos humanitarios son os que para min dan máis satisfacción neste traballo", sostén a axente Pilar Ramos.
"Hoxe en día a xente é moi próxima, párannos e preocúpanse por nós, cóntannos os problemas que teñen para ver se nós llelos resolvemos. É un traballo moi satisfactorio", asegura o axente Xosé Dopazo, tamén galardoado.