Unha tenda da Coruña activa unha recollida solidaria a prol de Ucraína
400 quilos de produtos de primeira necesidade xa están en ruta
O teléfono de Inara non para de soar. "O horario da tenda é de dez a dúas e de seis a nove. Mañá tamén está aberto, e o que poidan", explica na chamada a quen se interesa sobre a súa recollida solidaria a favor de Ucraína.
Ela é natural de Acerbaixán e leva tan só dous meses na Coruña á fronte dun establecemento especializado en produtos do leste. Moitos dos seus clientes teñen familia en Ucraína. Eles foron os que lle contaron o que agora necesita a poboación, e ela non o pensou dúas veces.
"Puidemos facer isto porque a empresa que nos trae a paquetería mandaba a mercadoría a Rusia e Ucraína e comentáronnos que podiamos mandar a axuda humanitaria", conta Inara.
Dende a súa tenda centralízase a recollida. Calquera achega é benvida. "O que máis necesitan é a roupa de nenos, comida para eles, medicamentos ou produtos de limpeza", comenta.
Un cliente comenta que xa é a segunda vez que se achega. A primeira vez trouxo alimentos e medicamentos e agora roupa para bebés.
O primeiro camión cargado de axuda humanitaria xa está en ruta. 400 quilos de solidariedade. Esta semana espera facer un segundo envío para botarlles unha man a aqueles que hoxe máis o necesitan.