Uns pais deixan de madrugada o seu fillo no coche mentres marchan de copas en Lugo
Unha moza decatouse de que unha voz infantil berraba pola súa nai e aproveitando que a ventá do vehículo estaba entreaberta logrou abrir a porta
Os pais estaban nun local próximo
Recollen en Lugo un cativo de cinco anos que estaba dentro dun coche ás cinco da madrugada, mentres os seus pais estaban de copas.
Unha moza decatouse de que unha voz infantil berraba pola súa nai e aproveitando que a ventá do vehículo estaba entreaberta logrou abrir a porta.
A policía recibiu o aviso ás cinco da mañá. Unha moza daba a alerta de que nunha zona de ocio nocturno de Lugo había un cativo de curta idade só no interior dun vehículo chorando e chamando pola súa nai.
Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo, conta que a rapaza xa conseguira sacar o neno do coche grazas a que quedara aberta unha ventá.
Conseguiron localizar os pais nun dos bares da zona. O voceiro da Policía Nacional relata que os pais volveron ao seu domicilio en taxi, xa que o home non estaba en condicións de conducir e a nai fíxose cargo do menor.
Non se puido concretar canto tempo pasou o pequeno só dentro do coche. A Policía puxo os feitos en coñecemento do Xulgado de garda e da Fiscalía de menores. Poderían ser acusados dun delito de abandono de menores.