Premiado na Coruña o doutor Esteller, quen investiga o caso da muller máis lonxeva do mundo

Agarda ter resultados dese estudo no prazo dun ano, o que permitiría avanzar noutros campos da medicina

G24.gal 24/11/2023 20:51 Última actualización 24/11/2023 23:46

O médico español Manel Esteller, director do Instituto de investigación contra a leucemia Josep Carreras, é un dos referentes internacionais en epixenética, disciplina que estuda aqueles factores que regulan a expresión dos xenes sen modificar o ADN.

"Un exemplo sería en irmáns xemelgos que teñen o mesmo ADN, explicaría como é posible que un estea máis fraco e outro máis obeso ou un sexa máis introvertido e outro máis extravertido. Iso non está no ADN como tal porque é o mesmo, senón que está en como se controla o ADN", afirma o doutor Esteller.

Xunto outros investigadores, Esteller analiza o caso da muller máis lonxeva do mundo: María, unha catalá de 116 anos que á súa idade tan só padece unha lixeira xordeira.

"Ela ten 116 anos segundo o seu DNI, pero as súas células están a dicirnos que ten 102 polo que hai unha decalaxe entre a idade biolóxica e a cronolóxica. Agora faltaría saber por que", engade o médico español.

Agardan poder ter unha resposta no prazo dun ano, o que permitiría avanzar noutros campos da medicina. "As células do cancro son sempre novas e inmortais. Polo tanto, se puidésemos aprender do cáncer para transmitir esa inmortalidade, pero sen a malignidade -a transformación das células-, teriamos unha ferramenta poderosa para rexuvenecer as células", sentencia o doutor Manel Esteller.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade