Receitas en papel e sistemas eléctricos autónomos permitiron manter o servizo farmacéutico
Xa só se usaban para os desprazados doutras comunidades, pero onte a receita en papel foi a saída para poder dispensar a medicación urxente
A volta ao pasado analóxico, e as pilas, permitiron, por exemplo, evitar que se rompese a cadea de frío nos medicamentos que precisan refrixeración.
Algunhas farmacias contan dun sistema de alimentación que permitiu funcionar o robot dispensador durante máis dunha hora. Despois o Colexio de Farmacéuticos optaba por aconsellar o aforro de enerxía.
"Apréndese que dependemos moito da electricidade e non te das conta de canto ata que te ves nunha destas. Fomos a cegas e case tivemos que volver ao que era a profesión fai trinta ou corenta anos. Saímos adiante, así que tampouco é para tanto o drama", declarou Ignacio Labella, farmacéutico de Santiago.
"Tampouco houbo alarma en xeral. Quitando as primeiras horas que estabamos todos un pouco preocupados porque non sabiamos que pasaba, pois ao longo da tarde xa só era esperar a que se restablecese a normalidade", explicaba Natalia Martínez, farmacéutica do Milladoiro.
Unha boa xestión na rebotica, no que non se ve, permitiu que as farmacias seguisen abertas e prestando o seu servizo esencial.