Publicador de contidos

Publicador de contidos

Recala en Vigo a réplica da nao Santa María, na que viaxou Colón cando descubriu América

Recala en Vigo a réplica da nao Santa María, na que viaxou Colón cando descubriu América

Antes estivo en Bueu, a onde chegou despois de percorrer varios países no norte de Europa

Construída en 2018, pertence á Fundación Nao Victoria, que ten outras tres embarcacións históricas 

Trece persoas, entre empregadas e voluntarias, compoñen agora a tripulación do navío, que percorre o mundo divulgando a xesta do descubrimento e como era a navegación no século XV

G24.gal 09/11/2025 14:11 Última actualización 09/11/2025 14:40

Atracou este sábado en Vigo unha réplica da embarcación coa que Cristóbal Colón cruzou o Atlántico e descubriu América. A nao Santa María é propiedade dunha fundación sen ánimo de lucro, que promove a divulgación da navegación histórica.

É a primeira escala que a Santa María fai en Vigo, vén de estar unha semana en Bueu a onde chegou tras un percorrido por distintos países de toda Europa. A visita enmárcase nas rutas de promoción do patrimonio marítimo español que leva a cabo a Fundación Nao Victoria.

Esta é unha réplica exacta da nave na que embarcou Cristóbal Colón cando descubriu o continente americano. Foi construída en 2018 e pertence á fundación, que posúe outras tres embarcacións de época: a propia nao Victoria, que empregou Magallanes na volta ao mundo; un galeón do século XVI e unha goleta de comezos do século XX.

A Santa María, a nave capitá na que viaxaba o almirante, foi precisamente a única que non retornou. Si o fixeron as carabelas Pinta e Niña. A Santa María embarrancou en Isla Española e alí foi desfeita para construír un forte defensivo coa súa madeira. Esta réplica viaxa polo mundo divulgando a navegación daquela época.

"Intentou facerse unha réplica o máis exacta posible, a escala é 1:1, practicamente é o mesmo barco. Cambian iso si algúns materiais. Todo é madeira de iroko e piñeiro, pero os mastros son de metal, para gañar máis seguridade na navegación", conta Mar Neira García, primeira oficial no navío.

Ten 200 toneladas de peso, 28 metros de eslora e 8 de manga. Conta con catro mastros, cinco velas e cinco cubertas. O museo flotante recrea as duras condicións de vida dos case cincuenta tripulantes que integraron a expedición en 1492. Os mariñeiros durmían ao raso en cuberta, mentres Colón dispuña dun camarote na popa. 

"Amosamos os instrumentos que empregaban para navegar naquela época. Tamén as especias que recolleron no novo continente e trouxeron de volta, ademais dos elementos de construción do barco", sinala Teresa San Emeterio Lozano, moza de Cantabria que se enrolou como voluntaria na expedición.

Empregados da fundación e voluntarios compoñen a tripulación da nao Santa María, que funciona tamén como buque escola.

"Atendemos os visitantes, e tamén colaboramos cos labores de seguridade, navegación e mantemento do barco", comenta Teresa.

A Santa María estará atracada no peirao de porto durante toda esta vindeira semana e é visitable de dez a sete da tarde. Dende Vigo partirá cara a Huelva, onde pasará parte do inverno antes de iniciar novas rutas de promoción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade