Rebentóns e avarías nos vehículos que circulan polo tramo chairego da A-6
Reclaman o arranxo do firme entre Begonte e Guitiriz debido á presenza de fochancas
O desgaste do firme no tramo chairego da autovía A-6 empeorou co mal tempo dos últimos meses.
En especial no carril dereito, en sentido descendente, entre os concellos de Guitiriz e Begonte, onde se abriron numerosas fochancas.
Así o denuncian os usuarios e tamén os talleres da contorna, onde practicamente a diario reciben clientes cos pneumáticos rebentados, con estragos nas lamias ou cos amortecedores danados.
"Picadas e cortes nas rodas. Algún vén no guindastre e outros intentan chegar. Normalmente son rodas, e ao mellor algunha rótula, e as lamias de aluminio ou estalan ou hai que mandalas a Portugal. Algún chama á Garda Civil para dar parte, pero moi poucos, porque saben que é unha lea e non hai maneira", sinala Nica Rodríguez Valiña, xerente do taller RC Motor de Rábade.
Malia os atestados levantados como consecuencia destes incidentes que entrañan perigo para o usuarios, polo momento apenas se taparon as fochas abertas.
O motivo é tamén o mal tempo, que lles impide aos operarios arranxar o firme. Pero, mentres non se soluciona, quen o paga son os donos dos vehículos afectados.
Cómpre daquela extremar as precaucións ao volante no tramo onde se abriron as fochas. Sobre todo cando chove, posto que a auga pode camuflar os buratos.