Mos condena o asasinato da súa veciña María Belén, a primeira vítima da violencia machista do ano en Galicia
Mos condena o asasinato da súa veciña María Belén, a primeira vítima da violencia machista do ano en Galicia
Celebrouse un pleno extraordinario e unha concentración de repulsa polo crime
As bandeiras penden a media hasta en Mos, no primeiro dos tres días de loito oficial polo asasinato de María Belén, veciña da parroquia de Sanguiñeda. Tiña 52 anos e matouna a coiteladas a súa exparella, Santiago Fernández, un home de 67 anos que se suicidou despois na súa casa do Porriño, onde se agochou durante horas.
María Belén é a primeira vítima da violencia machista no que vai de ano en Galicia. En toda España xa son seis as mulleres asasinadas. Nun mes e dous días.
Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, di: "Esta é unha eiva que se estende por todo o país. É durísimo. E cando che toca preto é máis duro. Asasinar unha muller é o máis triste que lle pode ocorrer a unha comunidade".
O Concello de Mos celebrou este luns un pleno extraordinario para condenar o asasinato da súa veciña. Familiares, amigos e achegados de María Belén concentráronse en sinal de repulsa.
O delegado do Goberno en Galicia pide a toda a sociedade que se involucre na loita contra a violencia machista.
"Desde 2003 son xa 1.349 familias as que perderon un ser querido. Familias que quedan sen nais, fillos que quedan orfos... é unha situación absolutamente insostible", di Pedro Blanco.
María Belén vivía coa súa nai e coa súa irmá. Deixa un fillo orfo. No seu caso non había denuncias previas contra o seu asasino.