Veciños conflitivos dun edificio de Santiago rebentan o portal do inmoble ante as cámaras de TVG
Veciños conflitivos dun edificio de Santiago rebentan o portal do inmoble ante as cámaras de TVG
As 15 familias residentes no inmoble denuncian o calvario que viven a diario desde que estes inquilinos chegaron hai 3 meses
Dúas persoas xa foron agredidas e ameázanos constantemente
Un equipo do Galicia noticias foi testemuña este mércores dun novo episodio violento protagonizado polos inquilinos da vivenda da rúa de Touro, en Santiago, que teñen atemorizadas as 15 familias que residen no edificio.
Mentres gravaban e entrevistaban a secretaria da comunidade pola agresión que sufriu o luns, apareceu en escena un dos individuos conflitivos que, tras ameazalos, rebentou dunha patada o portal do inmoble. Os afectados esixen unha solución ás autoridades xudiciais antes de que teñan que lamentar algo máis grave.
Iolanda é a secretaria da comunidade de veciños do numero 12 da rúa de Touro, e estaba relatando a agresión que sufriu o luns pola tarde cando un dos inquilinos conflitivos a tirou ao chan e a golpeou mentres esperaban o ascensor. Canda ela estaba Pilar, a presidenta, que ía contar o inferno que viven desde hai 3 meses por mor destes novos inquilinos. Nese momento houbo que parar a gravación.
Apareceron en escena dous dos residentes conflitivos. Tras ameazar para que non se lles gravase e ante a negativa dos veciños alí presentes de abrirlles o portal, un deles rebentouno dunha patada. Os residentes alertaron a policía e axiña se presentaron varias patrullas da Policía Local e Nacional e mesmo o concelleiro de Seguridade.
Nerviosos e desesperados, os veciños repiten unha e outra vez o inferno no que viven a diario. Teñen palabras de agradecemento para as forzas de seguridade, que acoden a cada chamada súa de auxilio, pero a solución -aseguran- non é policial, senón xudicial, e antes de que ocorra algo máis grave.