Rebaixan a 12 anos de cadea a condena á muller que matou a súa compañeira de piso no Barco
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reduce en 6 meses a pena inicial ao estimar o recurso da defensa que pedía eliminar a agravante de abuso de superioridade
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rebaixou a doce anos de prisión, seis meses menos da pena imposta pola Audiencia Provincial de Ourense, á muller que matou, en setembro de 2021, a súa compañeira de piso no Barco de Valdeorras.
A Audiencia de Ourense condenouna, de conformidade co veredicto do Tribunal de Xurado, a 12 anos e medio de cárcere. Todo iso despois de que a finais de marzo o tribunal popular considerase a sospeitosa culpable dun delito de homicidio, coa concorrencia da circunstancia agravante de abuso de superioridade.
Fronte a iso, e tras os recursos presentados pola acusación particular e a defensa, estima parcialmente o desta última ao condenala como autora dun delito de homicido, sen concorrencia de circunstancias modificativas da responsabilidade penal, á pena de prisión de doce anos e inhabilitación absoluta durante o tempo de condena. Faino ao rexeitar a agravante de abuso de superioridade. Mantén, pola contra, o resto dos pronunciamentos da sentenza apelada.
Nela, a maxistrada presidenta declarou no apartado de feitos probados da resolución que a vítima, de 29 anos de idade, chegara a España procedente de Paraguai e que coñeceu a acusada nun club onde ambas exercían a prostitución. Ademais, era habitual que lle prestase diñeiro á agora condenada e que a procesada non llo devolvese.
O día dos feitos, nunha hora comprendida entre as 04:00 e as 06:00 horas desa madrugada, achándose as mencionadas no cuarto da vítima, iniciouse un enfrontamento entre ambas, no curso do cal a acusada comezou a agredir a súa compañeira. Ante a resistencia mostrada por esta, iniciouse un forcexo en que a acusada lle causou lesións consistentes en múltiples contusións.
Tamén colleu algún obxecto brando e coa intención de anular a resistencia mostrada pola vítima e de acabar coa súa vida, colocoullo sobre a cara, taponoulle as vías respiratorias e apertou con forza ininterrompidamente ata que lle causou a morte por asfixia.
O TSXG rexeita cuestións expostas pola defensa como a vulneración do dereito á presunción de inocencia ou que exista dúbida sobre probas como o ADN da condenada na vítima, así como outras relativas á súa presenza na casa.
"A análise dos teléfonos móbiles denota que, unha vez na casa, permaneceu nela durante o lapso en que ocorrreron os feitos", remarca.
Descarta ademais aumentar a pena, como propoñía a acusación.