Reabre en Lugo a administración de loterías atracada en 2024
O novo loteiro tivo que agardar dous anos ata que se resolveu a causa xudicial pendente co antigo dono
En xaneiro de 2024, o daquela dono da administración de loterías de Lamas de Prado, en Lugo, denunciaba o roubo de 400.000 euros a punta de pistola. Ao mes seguinte, o loteiro fora acusado de simular o atraco, e en decembro de 2025 finalmente o caso quedou sobresido por falta de probas. Agora o negocio reabre cun novo xerente, que tivo que agardar dous anos a que se resolvese a causa.
"Temos unha empresa familiar dedicada á compravenda de inmobles, reformas e demais, pero debido a unha enfermidade levaba xa uns anos de baixa, polo que me tiveron que xubilar da miña actividade e buscar outro sector en que me puidera defender. Cando foi isto, saíu na prensa e falei co rapaz, que estaba moi angustiado polo que pasara e tiña intención de desfacerse da administración. Chegamos a un acordo e aquí estamos", relata Juan Gómez.
A nova da reapertura desta administración de loterías ilusionou a clientela do local, tras unha longa espera para poder selar os boletos neste concorrido cruzamento do barrio lugués da Milagrosa.
"A veciñanza é moi amable. Somos de toda a vida deste barrio, onde nos coñecemos case todos de vista. A xente aínda non sabe tampouco que estamos abertos e hai moitos que entran para confirmalo", sinala Gómez.
Como non podía ser doutro xeito, a ilusión do novo loteiro é repartir sorte, tanto nos grandes sorteos como a través de premios menores.
"A miña ilusión real é que a xente que veña poida mellorar a súa vida o máximo posible. Non teño a ilusión de repartir un Gordo de Nadal, pero si un segundo ou un terceiro, e que vaia ben repartido para que todo o mundo poida gozar un pouco da sorte do Nadal ou de cada semana", engade o xerente do local.
O novo loteiro pedira xa en xuño de 2024 o traspaso da famosa administración de loterías de Lamas de Prado.