Reaberto o tráfico con normalidade entre Galicia e Asturias
Tanto a autovía como a N-634 permaneceron toda a noite cortadas
Ducias de condutores pasaron a noite atrapados en áreas de servizo
Aínda entre nubes de fume, a autovía do Cantábrico reabríase á circulación este mediodía. Algunas lapas aínda lambían as súas beiras. A pasada noite, o lume chegou a poñer en perigo o tráfico, obrigando a cortar a principal vía de comunicación entre Galicia e Asturias.
Ducias de persoas pasaron a noite en áreas de servizo. "Aquí desde onte ás dez da noite", contaba un camioneiro. "Veño de Colunga e quería ir para Galicia pero, como vedes, está a cousa bastante mal", relataba outro.
"Fomos buscar a Edu que viña de vacacións de Semana Santa e ao volver para a casa atopamos isto, e aquí estamos", explicaba unha nai.
Así o contaba nas redes un mariñeiro coruñés: "Somos uns mariñeiros que imos de volta para A Coruña para pasar a fin de semana de descanso e levamos aquí 12 horas, atrapados esperando a que cese o lume".
A outra vía que une as dúas comunidades pola costa, a nacional 634, tamén estivo cortada ata as dúas e media da tarde. O lume segue impedindo circular por tres das estradas autonómicas do Principado no concello de Valdés. Tamén está cortado o acceso aos Lagos de Covadonga.