Aminora o avance dos incendios da Pobra do Brollón e A Fonsagrada
O da Pobra do Brollón calcina xa 900 hectáreas e mantense en nivel 2 pola proximidade a varios núcleos de poboación
O foco declarado de madrugada na Fonsagrada leva queimadas 40 hectáreas
En Ourense seguen activos os incendios de Carballeda de Valdeorras-Casaio (5.000 ha) e Avión-Nieva (250 ha)
Aminora o avance dos incendios en Galicia despois de tres semanas loitando contra as lapas. Este mércores permanecen activos catro focos: dous na provincia de Lugo e outros dous na de Ourense.
O máis preocupante, o da Pobra do Brollón-Abrence, que calcinou xa 900 hectáreas e se mantén en situación 2, como medida preventiva, debido á proximidade aos núcleos de Golmar, situado na Pobra do Brollón, e aos de Conceado e San Pedro, pertencentes ao municipio veciño de Quiroga.
O enxeñeiro forestal e presidente da comunidade de montes de Augasmestas, Rubén Guitiérrez, sinala que non se debe baixar a garda.
"Agora creo que é xusto o momento máis delicado para controlar os focos pequenos que se poden facer máis grandes. É onde temos que ter máis concentración para deixalo xa pechado".
Nas últimas horas non houbo confinamentos nin evacuacións e tampouco cortes na rede de estradas. Porén, continúa interrompida a circulación ferroviaria entre A Pobra do Brollón e San Clodio. Outro tanto ocorre coas rutas en catamarán polo Sil, co fin de facilitar o traballo dos trece avións e oito helicópteros que participan na extinción das lapas.
Na súa extinción traballan 9 técnicos, 50 axentes, 56 brigadas, 43 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros, 13 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
O incendio da Fonsagrada puido ser intencionado
Na provincia da Lugo permanece activo dende ás 01:50 horas da madrugada outro foco, neste caso na parroquia de San Pedro de Río, no concello da Fonsagrada. Segundo as estimacións provisionais efectuadas por Medio Rural, o incendio leva queimadas unhas 40 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 10 axentes, 23 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.
O alcalde da Fonsagrada, Carlos López, sinala que puido ser intencionado.
"Quen poida estar detrás, non o sei, nin os intereses que poida haber en queimar o monte. Como se orixinou, si. Foi nunha estrada local sobre a unha da mañá a ambas as beiras da vía. O que quería queimar quería que ardese, porque prendeu a beira dereita e mais a esquerda".
Ademais, quedou controlado desde o domingo o foco orixinado na parroquia da Cova, en Carballedo, que queimou arredor de 100 hectáreas.
Fóra de perigo os núcleos de Carballeda de Valdeorras e Avión
Na provincia de Ourense seguen activos este mércores dous incendios: o de Carballeda de Valdeorras-Casaio e o de Avión-Nieva. A Xunta desactivou este martes o nivel de alerta 2. O primeiro calcinou 5.000 hectáreas e ao segundo 250.
No de Carballeda de Valdeorras traballan 10 técnicos, 54 axentes, 95 brigadas, 41 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións. No de Avión 4 técnicos, 26 axentes, 49 brigadas, 30 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Os de Chandrexa de Queixa, Larouco, Oímbra, A Mezquita e Carballeda de Avia seguen estabilizados e os focos de Vilardevós, Montederramo e Maceda quedaron xa controlados.