Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rafa Nadal dá o seu adeus como tenista profesional

Rafa Nadal dá o seu adeus como tenista profesional

O balear perde contra o neerlandés Botic van de Zandschulp, mais rodeado por un agarimoso público

Nadal despídese do tenis con dous ouros olímpicos e 92 títulos no su palmarés

Rafa Nadal, este martes na Copa Davis / Europa Press Rafa Nadal, este martes na Copa Davis / Europa Press
G24.gal 19/11/2024 19:54

Vinte anos despois do seu debut en 2004, Rafa Nadal despídese dunha traxectoria profesional marcada polo éxito na Copa Davis, unha competición que xa gañou aquel ano na súa estrea en Sevilla. Esta vez faino noutra cidade andaluza, Málaga, e cun público rendido polo seu inigualable magnetismo.

O tenista balear, con dous ouros olímpicos e 92 títulos no seu palmarés, vinte e dous deles Grand Slams (14 Roland Garros, 2 Abertos de Australia, 4 Abertos de Estados Unidos e 2 Wimbledon) foi acollido no Martín Carpena de Málaga por unha afección comprometida. Ademais, estaba rodeado pola súa familia e corpo técnico ao completo, aínda que a baixa do tamén tenista Novak Djokovic fíxose notar.

A noticia de que xogaría o primeiro partido contra o neerlandés Botic van de Zandschulp filtrouse cinco horas antes do inicio da xornada. Foi un duelo no que non se lle viu cómodo e no que cometeu múltiples erros no primeiro set, facendo que o seu rival gañara ao aproveitarse dos seus puntos febles. Todo rematou con 6-4 e 6-4 tras unha hora e cincuenta e dous minutos de xogo. 

Foi o seu primeiro partido individual en case tres meses, desde o 29 de xullo, cando perdeu contra o propio Djokovic na segunda rolda dos Xogos Olímpicos de París. Dous días despois, o 31 de xullo, despediuse da capital francesa cun amargo sabor ao perder xunto a Carlos Alcaraz os dobres olímpicos contra os estadounidenses Austin Krajicek e Rajeev Ram.

Preparándose para o adeus

Nadal chegou á cidade andaluza hai cinco días, tempo suficiente para concienciarse sobre a súa despedida e para coller con ganas a pista do Martín Carpena. Probouna antes da súa estrea xunto co australiano Alex de Miñaur e seu amigo e compañeiro Carlos Alcaraz. Nos adestramentos demostrou un bo nivel e moita concentración. Era a súa despedida e nada debía saír mal. A cidade andaluza engalonouse de festa e agradecemento cara a Nadal. Unha enorme lona azul rezaba "Grazas, Rafa", colgada nas inmediacións do Martín Chapena.

A expectación polo partido de Nadal, coa incógnita por saber se sería o último ou habería algún máis, desbordou as previsións. O recinto completou as 10.700 butacas, aínda que era un martes laborable ás cinco da tarde. Ademais, o mercado da revenda funcionou desde días anteriores e ata uns minutos antes do encontro con prezos desorbitados e acadando os varios miles de euros.

O tenista balear entrou á pista entre aplausos infinitos e coa afección coreando o seu nome mentres el escoitaba visiblemente emocionado pola ocasión o himno nacional. A tarde era prometedora para Nadal. Os cánticos de "Vamos Rafa" e "Si se pode" resoaban en todo o pavillón, máis a vitoria do encontro foi para Botic van de Zandschulp, nove anos menor que o balear. Nadal resignouse, mais antes de marchar cara aos vestiarios, achegouse ao centro da pista mentres abría os brazos e agradecía ao público o seu apoio. Tamén dixo un emocionado adeus, convertido xa nun 'eterno' do tenis internacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar