Racing e Deportivo non aguantan o ritmo que imprime o Córdoba
O Celta B foi o único galego da Primeira Federación que celebrou o triunfo
A xornada dos galegos na Primeira Federación rematou cun empate en Riazor que deixa sensacións contrapostas. O Deportivo luciu nun mesmo partido as súas capacidades pero tamén as súas debilidades. Xerou ocasións e púxose por diante no marcador. Viu despois como lle remontaban con dous goles e acabou sacando un punto á última hora cun golazo de Yeremay.
A única vitoria da xornada para os nosos asinouna o Celta B en Balaídos. O filial celeste conseguiu por fin gañar na casa e fíxoo de xeito convincente. O triunfo afástao ademais da zona de descenso.
Moito peor lle foron as cousas ao Racing de Ferrol, que encadeou a terceira derrota consecutiva na liga e queda na quinta praza, a seis puntos do líder Córdoba. Foi unha derrota fea, con dous penaltis en que o árbitro quixo ver o que non había.
E o sábado, o Pontevedra sacou un punto na casa ante o Fuenlabrada. Escaso botín para un equipo granate que segue en descenso.