Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rachar falsos mitos e promover investigacións con perspectiva de xénero, retos da loita contra o párkinson

Rachar falsos mitos e promover investigacións con perspectiva de xénero, retos da loita contra o párkinson

Hoxe é o Día Mundial do Párkinson, unha doenza neurodexenerativa que sofren arredor de 160.000 persoas en España

Tremores e falta de coordinación non son os únicos síntomas; a depresión adoita presentarse nas primeiras fases da enfermidade

Demandan que se investiguen as diferentes manifestacións da doenza en homes e mulleres

G24.gal 11/04/2022 12:46

Nin é só unha doenza de persoas de idade avanzada, nin maioritariamente hereditaria, nin tampouco provoca demencia. No Día Mundial da Enfermidade de Párkinson as entidades que traballan con pacientes e familias queren rachar falsos mitos a través da información e a sensibilización social.

A directora da Asociación de Párkinson de Galicia-A Coruña, Mila Otero, explica que desde esta entidade traballan en tres vertentes: "Dar información, porque é moi importante que as familias estean informadas, despois estaría o traballo terapéutico, tanto de fisioterapia, como de logopedia e psicoloxía, e a outra pata de sensibilización, de dar a coñecer a enfermidade, romper estereotipos e mitos".

Mitos como que afecta máis homes que mulleres, unha crenza falsa contra a que se quere loitar promovendo investigacións sobre a doenza con perspectiva de xénero. "Hai certos síntomas que poden afectar máis homes que mulleres e ao revés, por exemplo sábese que hai menos deterioración cognitiva nas mulleres, pero fáltanos coñecer moitísimo máis", apunta Otero. A responsable da asociación engade que "temos características diferentes, desde a menstruación, os embarazos, a menopausa, que fan que a medicación afecte de forma diferente, pero falta moito por coñecer".

Antes dos 50

Os estudos reflicten que un de cada cinco diagnósticos se produce antes dos 50 anos. O diagnóstico chega con frecuencia tras unha depresión, bastante habitual como síntoma do párkinson. Foi o caso de Mariló López, que leva 30 convivindo coa enfermidade. Para ela, o exercicio físico resulta de grande axuda.

"Teño moitas dores musculares, contracturas, ás veces caídas, pero... se non me movo mala cousa; teño que moverme, andar...", explica Mariló.

Facer exercicio contribúe a combater os síntomas dunha doenza que afecta en España unhas 160.000 persoas. A detección temperá é tamén fundamental para mellorar a súa calidade de vida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade