Publicador de contidos

Publicador de contidos

“Quítanma das mans”, por María Bastida

OPINIÓN

“Quítanma das mans”, por María Bastida

G24.gal 06/02/2023 08:37

Facer previsións sobre o que depara o ano 2023 no económico é, como mínimo, tan arriscado como pronunciarse sobre o resultado das múltiples convocatorias electorais que deberemos afrontar neste ano.

Si podemos intuír que a inflación, poderosa protagonista do extinto 2022, seguirá acaparando titulares. Na última semana soubemos que está a baixar de xeito significativo non só en España, senón nalgunha das principais economías da nosa contorna, como Francia ou Alemaña, ou mesmo nos EUA. Aparentemente, as tensións inflacionistas están a acougar, e afastamos a pantasma da recesión. En España, concretamente, o indicador adiantado da actividade económica do sector servizos leva dous meses mellorando, o cal infunde certo optimismo.

Con todo, fariamos mal en cabalgar no triunfalismo, posto que os riscos non desapareceron, nin moito menos. Na miña opinión, as principais dificultades que deberemos afrontar nos próximos meses concrétanse en tres puntos:

1. A evolución da inflación. Toda vez superadas as cotas máximas, estamos ás portas dos efectos de segunda rolda. Os traballadores, perante a perda de poder adquisitivo, premerán por subir os salarios, ao que debemos engadir que segue sen acordarse un pacto de rendas que parecemos esquecer. Se a iso lle engadimos a tensión na que se atopan boa parte dos mercados laborais das economías avanzadas, a nosa, tamén, corremos o risco de entrar nunha espiral de prezos e salarios que contraprograme as medidas dirixidas a arrefriar a inflación.

2. O consumo. Ata este momento, os elevados prezos non parecen contraer o consumo en termos macroeconómicos. Certo que cada vez son máis familias as que teñen dificultades no seu día a día, pero os datos globais indican que o seu menor consumo é compensado polo maior gasto doutros axentes económicos. Teremos que ver se esta tendencia de suma cero, que non deixa de ser unha anomalía, se mantén no 23 ou se, pola contra, o consumo empeza a decaer, retardando a demanda e contraendo a produción.

3. O emprego. Ás dúbidas en relación coa evolución real do emprego, a redefinición de parado a que estamos a asistir, ou as dificultades para facer comparativas con datos anteriores que permitan coñecer con rigor a situación real, engádese a cifra crecente destinada ás prestacións de desemprego, que desde logo non se corresponde co triunfalismo co que se reciben os datos mensuais. A escalada de custos salariais tampouco favorece a creación de emprego de calidade. Queda pendente, ademais, mellorar e alixeirar a transferencia dos fondos Next Generation ao sector privado. En concreto, non se entende que se siga vetando a participación das Comunidades Autónomas na asignación destes fondos, restándolles capacidade real para tomar decisións eficientes máis próximas á realidade de cada territorio. Esta actuación é particularmente importante á vista da situación do noso tecido produtivo, cunha destrución de autónomos sen precedentes. Se, en paralelo, analizamos os niveis de débeda pública, cabe preguntarse se o sobredimensionamento do sector público deriva nunhas cifras de actividade económica que presentan datos positivos macroeconómicos, pero á conta dun descenso da calidade de vida e o poder adquisitivo dos axentes que constituímos o día a día da microeconomía. En última instancia, tomar decisións económicas con criterios económicos, non políticos. Se isto se materializa, ou non, deixámolo xa para o 2024.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade