Publicador de contidos

Publicador de contidos

Querer non é poder, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Querer non é poder, por Venancio Salcines

G24.gal 29/09/2022 07:58

Neste mundo, as cousas non as fai quen quere senón quen pode. España enteira lanzouse a baixar impostos. Empezaron as autonomías vencelladas ao Partido Popular; detrás foi a Comunidade Valenciana, e se esperamos un tempo seguro que a segue Aragón, e chegado este punto, que pode facer Castela A Mancha ou Asturias? Nada, seguir o ronsel. Pedro Sánchez, coa máxima dor, verase obrigado a cinguirse á política económica que defende Núñez Feijóo. 

Quen tamén quere seguir o ronsel, e ademais en grande, é o Reino Unido. A nova primeira ministra pensou que esa tiña que ser a súa marca, a súa pegada, e anunciou a maior baixada dende 1972. Quizais para que, dende o inicio, fose observada como unha nova Margaret Tatcher. O caso é que os investidores internacionais pensan que se extralimitou. Unha cousa é deflatar a tarifa do IRPF, máxime cando o estado español ten un exceso de recadación de 20.000 millóns, e outra distinta e esnaquizar as constantes económicas vitais dun enfermo chamado Reino Unido. 

Os mercados financeiros, nun estraño consenso, opinan que o novo mapa tributario británico fará crecer a súa débeda, incrementará o déficit orzamentario e non axudará a combater a inflación. A resposta inmediata foi unha repunta do custo da débeda a dez anos. 

Lembra aquilo da prima de risco? Ese vello fantasma volve, pero non para España, senón para Italia e para os Británicos. Os mesmos que hai dez anos etiquetaban as nacións do sur como os “Porcos de Europa”, os PIGS, hoxe tivo que chamar polo seu Banco Central para que fose ao rescate da súa débeda.  

A miña sogra, que non sabe nada de economía pero ten a sabedoría dunha muller de Xermade, ten claras dúas cousas: unha, que querer non é poder, e a outra, que o sal, sempre na súa xusta medida. Moito mata a comida, pouco non se nota. Pois na economía o mesmo. Os impostos toca baixalos: moito, esnaquizaría o noso sistema de vida; pouco, non serviría de nada. A clave? Que sexa na súa xusta medida. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade