Publicador de contidos

Publicador de contidos

Queixas polos exames de Debuxo Técnico e Historia de España das probas de acceso á universidade

Queixas polos exames de Debuxo Técnico e Historia de España das probas de acceso á universidade

No caso de Debuxo Técnico, profesores de diferentes centros, pediron a dimisión dos responsables da proba ante a existencia de "múltiples erros" nos enunciados do exame

A CIUG "lamenta profundamente" os erros na proba de Debuxo Técnico

O exame de Historia de España corrixirase con "criterios flexibles" tras as protestas de que unha das preguntas non se axustaba ao temario acordado

Europa Press
G24.gal 03/06/2026 16:38

O exame de Historia de España da proba de acceso á universidade de Galicia corrixirase con "criterios flexibles" tras a polémica suscitada por unha pregunta sobre comparar socialismo e anarquismo que, segundo as queixas de profesorado e alumnos, non se adecuaba ás instrucións da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

As instrucións do blog do grupo de traballo de historia de España da CIUG especificaban que socialismo e anarquismo podían aparecer na pregunta número 3, a través dun comentario de fontes documentais, pero no exame incluíuse na pregunta 2, que pedía unha análise comparativa.

"A comparativa tiña un propósito exclusivamente ideolóxico, aspecto central dese tipo de preguntas, polo que se consideraba adecuada para que o alumnado soubese resolvela sen dificultade", sinalou este mércores o citado grupo de traballo nunha nota aclaratoria aos medios de comunicación.

Para garantir a "equidade", a pregunta corrixirase seguindo "criterios flexibles", valorando o coñecemento do alumnado sobre ambos os movementos, "independentemente de que a resposta adopte un formato comparativo estrito".

"Ningún estudante será prexudicado pola formulación da pregunta", asegurou o grupo de traballo, que agradeceu ao profesorado a súa "comprensión" e lamentou as "molestias ocasionadas".

No caso do exame de Debuxo Técnico profesorado de diversos centros educativos de Galicia presentaron unha reclamación formal ante a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) para pedir a dimisión dos responsables da proba ante a existencia de "múltiples erros" nos enunciados do exame.

No documento, os docentes esixiron a dimisión inmediata do grupo de traballo e do seu director, ao considerar que o equipo "non está á altura das circunstancias" tras "múltiples incidencias detectadas".

Segundo subliñaron, o exame estivo marcado pola existencia de "múltiples erros" nos enunciados que obrigaron a realizar rectificacións constantes, interrompendo o traballo do alumnado e xerando unha situación de "confusión e inseguridade".

"As sucesivas aclaracións e correccións supuxeron unha perda de máis de media hora para numerosos estudantes que se viron obrigados a reiniciar exercicios xa comezados. Moitos deles xa iniciaran os exercicios e víronse obrigados a borrar, rectificar ou reiniciar", afearon.

Así mesmo, os docentes denunciaron unha "desigualdade de condicións", xa que algúns alumnos abandonaron a aula antes de que se comunicasen todas as correccións, mentres que noutros casos non se aclararon erros posteriores para non prexudicar a quen xa se marcharan.

En concreto, o escrito detalla unha lista de deficiencias que inclúen erros gráficos como a ausencia de liñas ocultas en exercicios de perspectiva; o uso de escalas que conducían a valores decimais "inadecuados" para o nivel avaliado; unha carga de traballo "desproporcionada" para o tempo dispoñible e "falta de claridade na estrutura das opcións". 

A CIUG "lamenta profundamente" os erros

A Comisión Interuniversitaria de Galicia fixo público un comunicado no que "lamenta profundamente" os erros rexistrados no exame de Debuxo Técnico da PAU 2026 e polos que profesores galegos pediron a dimisión do grupo de traballo responsable da proba.

O grupo de traballo responsable do exame de Debuxo Técnico emitiu esta nota aclaratoria na que recoñece a existencia de dous erros nos enunciados da proba e detalla as medidas adoptadas para evitar que o alumnado se vexa prexudicado.

Segundo explicaron, o primeiro erro localizouse no enunciado do apartado 2.1 da versión en galego, "onde había unha frase ao comezo do enunciado que non debía estar". Unha incidencia que xerou dúbidas entre os aspirantes sobre a obrigatoriedade ou elección dos apartados, o que obrigou a realizar unha segunda aclaración.

O segundo fallo detectado, tal e como trasladaron, consistiu na inclusión dunha proxección horizontal adicional (A1) no apartado 3.1, a cal tamén se ordenou eliminar durante a primeira media hora do exame.

"Estes foron os feitos que lamentamos profundamente e que se emendaron no transcurso da proba, coa ampliación de media hora na duración da mesma... Trasladouse ao alumnado que estas cuestións serían tidas en conta na corrección. Lamentamos especialmente que o erro se producise no enunciado en galego, dado o compromiso deste grupo de traballo coa lingua e a cultura do país", concluíron.

Finalmente, incidiron en que o grupo de traballo trasladará a todos os integrantes da Comisión de Avaliación os incidentes acaecidos durante a proba "e outros que se poidan detectar durante a corrección dos exames", coa determinación de evitar prexudicar ao alumnado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade