A acción dos arrombacoches en Ferrol provoca queixas por danos e ameazas
Case todos son clientes dos supermercados da droga de Ferrol, onde o domingo acoitelaron un toxicómano
Denuncian danos en coches como vinganza e tamén pelexas entre eles por non respectar as quendas
Un arrombacoches axuda a unha señora a aparcar nun sitio estreito.
"Cada vez que aparco venme axudar e eu tamén quero ter un detalle con el de darlle unha moeda agora. Fan un bo labor", recoñece a condutora.
É a cara máis amable dos coñecidos como gorrillas, persoas que se gañan a vida nos aparcadoiros onde deixar o coche sairía gratis.
"Ese é o problema, que non hai sitio onde aparcar e a xente aprovéitase das circunstancias", lamenta outro condutor.
"Se non estivera eu aquí non había sitio onde aparcar", berra o arrombacoches.
Certo. Apuran o espazo ao milímetro porque aspiran a conseguir uns céntimos en cada praza ocupada. Sen pedir. En teoría, só a vontade. Pero na práctica, sobre esa vontade imponse a prudencia.
"Normalmente, se atopo sitio xa me meto, pero prefiro darlle un euro porque, ao mellor, non lle dou nada e ráiame o coche". "Eu doulles algo para que non me raien o coche e listo. Xa traio algo solto e listo". "Ás veces vólvense agresivos, pero eu non tiven problema con el. Quizais porque me coñece porque aparco moito aquí".
"Polas tardes din que hai pelexa, incluso roubos en coches e rascaduras. Eu respondo polo meu, que son as mañás", deféndese un dos que vive disto dende hai anos.
Detrás, unha realidade difícil de agochar.
"Adoitan ser toxicómanos, xente metida nas drogas". "Eu coñézoo porque pasa todos os días por diante da miña casa e sei onde vai". "En canto xuntan algo, marchan".
Precisamente esas présas para conseguir o mínimo para unha dose é o que provoca enfrontamentos, moitas veces incluso entre eles, cando algún con pouco oficio salta as normas non escritas.
"Van respectando as quendas. Hai quen os respecta e hai quen non. Eu estou ata a unha e media, despois vén outro. A min respéctanme", confirma o arrombacoches.
Son anos de oficio, incluso décadas. E deixan claro que eles non mendigan, só agradecen unha propina polos servizos prestados.