Publicador de contidos
Publicador de contidos

Protestas sonoras nos portos galegos contra o veto do arrastre no Día de Europa

Protestas sonoras nos portos galegos contra o veto do arrastre no Día de Europa

Os pescadores galegos fixeron soar as bucinas dos seus buques contra as restricións de Bruxelas 

Ademais deste acto como toque de atención a Bruxelas, houbo concentracións en diversos lugares de España, como Ribeira

Piden a dimisión do comisario por non atender as demandas dos profesionais 

G24.gal 09/05/2023 11:58 Última actualización 09/05/2023 15:17

Ás doce da mañá houbo unha gran pitada do sector pesqueiro contra a decisión de Bruxelas de prohibir a pesca de arrastre. O día non é casual, xa que este martes celébrase o Día de Europa, e por iso foi convocada esta iniciativa por Europeche, EBFA e as centrais sindicais do sector cadrando coa celebración desta xornada.

No porto de Vigo as bucinas soaron con forza como medida de protesta por esta resolución que tanto lle afecta a gran parte da frota galega e, en definitiva, ao noso sector pesqueiro, como a outros tantos recunchos do continente europeo.

Todas as asociacións pesqueiras europeas que representan a frota e os sindicatos convocaron contra este mediodía unha pitada que pretende ser outro toque de atención a Bruxelas como explica Iván López, presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo.

Explica que parece que se esquecen da importancia deste sector para moitos países e dille ao comisario de pesca que o mellor regalo que lles poden facer é botar abaixo este plan. 

Desde Burela ata Vigo, pasando por Ribeira ou A Coruña, os portos sumáronse a unha protesta multitudinaria, xa que non só ten lugar a nivel nacional, senón tamén no ámbito europeo.

Barcos e pescadores de Burela tamén secundaron este mediodía unha “pitada” de protesta secundada polos armadores de Burela, a Confraría de Pescadores e a organización de produtores pesqueiros. 

En España, ademais da sonora protesta nos peiraos, están convocadas concentracións en Sanlúcar de Barrameda e Caleta de Vélez (Andalucía), en Arenys de Mar (Cataluña) ou en Burela e Ribeira en Galicia.

Un acto de protesta simbólico que busca ilustrar a impotencia, o cabreo e o desacordo coas políticas pesqueiras que están agora mesmo en marcha. 

En risco, advirten desde o sector, hai sete mil buques en toda Europa, que dan traballo a 20.000 persoas. En España afecta a máis de 800 barcos, a maior parte galegos. A Alianza de Pesca de Fondo, a patronal do sector pesqueiro e os sindicatos piden a dimisión do comisario por non atender as demandas dos profesionais. 

A Eurocámra defende que o sector teña poder de decisión na xestión dos caladoiros

O Parlamento Europeo apoia e pide oficialmente que o sector pesqueiro teña voz e voto nas decisións sobre caladoiros, recursos mariños ou as normas da Política Pesqueira Común para protexer os litorais e as augas.

A Eurocámara pídelle á Comisión Europea e aos países da Unión, como España, que a coxestión do mar pase tamén pola participación do sector.

Esta demanda saíu adiante este mediodía cunha amplísima maioría, case 600 votos a favor dos 705 que ten a Cámara. En España, Italia, Portugal ou Suecia a coxestión pesqueira de certos caladoiros xa existe.

A Eurocámara recomenda que este modelo non sexa obrigatorio, pero que os estados membros si avancen por este camiño. Para que as frotas poidan decidir como explotar os caladoiros e certas especies co aval dos datos científicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade