Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión para sete dos dez detidos por roubos con violencia en Galicia e Cataluña

Prisión para sete dos dez detidos por roubos con violencia en Galicia e Cataluña

Segundo relatan os investigadores, a organización vixiaba as rutinas e os costumes das vítimas

A Garda Civil describe a banda como especialmente perigosa e atribúelle accións moi violentas

G24.gal 02/06/2023 16:21 Última actualización 02/06/2023 20:46

Sete dos dez detidos en Ourense, Pontevedra e Barcelona por roubos con violencia ingresarán en prisión provisional, informan fontes xudiciais. En Ourense, epicentro deste operativo, os investigadores entraron o pasado mércores en dous domicilios situados no barrio do Couto e na Avenida de Bos Aires.

Outros dous rexistros realizáronse na cidade de Pontevedra, nas céntricas rúas Joaquín Costa e Cruz Gallástegui, onde os axentes da Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Local leváronse diversa documentación de senllos domicilios.

A operación tamén alcanzou a provincia de Barcelona, onde había ramificacións da suposta banda que perpetraba roubos con violencia.

Segundo relatan os investigadores trátase dunha organización criminal que presuntamente organizaba e perpetraba roubos con violencia e intimidación na provincia de Ourense. O último, hai apenas un mes. Catro encapuchados entraron nunha casa e levaron cartos en efectivo e xoias valoradas en máis de cen mil euros. 

"De xeito gradual, segundo ían regresando os moradores á vivenda, amordázanos, intimídanos, e incluso os golpean. E no segundo dos roubos prodúcenlle lesións á vítima", explica Juan José López Castro, capitán da Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense.

Ese segundo roubo que se lles imputa perpetrárono dende unha moto. Encanonaron e agrediron unha muller que levaba no bolso 30.000 euros, a recadación da súa empresa. "Ata en tres ocasións vixiaban as vítimas, todo o que eran as súas rutinas e costumes", di o capitán López. 

Organización avanzada e especialmente perigosa. Así é como a define a Garda Civil. Os dez detidos residían en distintas localidades, cinco en Ourense, onde se cometían os roubos, o resto en Pontevedra e Barcelona dende onde se desprazaban para vixiar as vítimas e perpetrar os roubos. "Unha persoa, integrante deste grupo criminal era quen seleccionaba as vítimas, non só por cometer o roubo de xoias e diñeiro, principalmente, senón tamén para intimidalos", explican os investigadores.

En total foron dez as persoas detidas, pero tres delas xa quedaron en liberdade o mesmo día do operativo, á espera de xuízo.

Este venres pasaron a disposición xudicial os outros sete detidos, que ingresarán en prisión provisional por estes supostos feitos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade